Feijóo presenta a Oficina Agraria Móbil, un servizo pioneiro de proximidade para facilitar a xestión de trámites no rural

Avanza que a oficina, que contará con persoal para prestar os servizos tanto administrativos como técnicos e de veterinaria, anunciará con antelación as rutas a realizar co fin de que a cidadanía coñeza onde e cando vai estar localizada en cada momento

Resalta que a práctica totalidade das explotacións agropecuarias disporán a menos de 15 minutos dun punto no que poidan realizar as xestións administrativas e recibir formación e información arredor de todo o relacionado coa súa actividade

Urxe novamente á aprobación da Lei de cadea alimentaria e que os prezos do leite se adecúen aos custos. “O leite non pode ser un produto reclamo”, di
 

Touro (A Coruña), 5 de novembro de 2021.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe a Oficina Agraria Móbil, un servizo pioneiro de proximidade para facilitar a xestión de trámites no rural.

Con esta iniciativa, Feijóo subliñou que a práctica totalidade das explotacións agropecuarias disporán a menos de 15 minutos dun punto no que poidan realizar as xestións administrativas e recibir formación e información arredor de todo o relacionado coa súa actividade.

Deste xeito, o titular da Xunta avanzou que a oficina, que contará con persoal para prestar os servizos tanto administrativos como técnicos e de veterinaria, anunciará con antelación as rutas a realizar co fin de que a cidadanía coñeza onde e cando vai estar localizada en cada momento.

“Nela poderanse facer todas as xestións que se desenvolven habitualmente -trámites como os da PAC, xestión de axudas ou o acceso a cursos- en calquera das 68 oficinas agrarias comarcais repartidas por todo o territorio”, abundou, referíndose tamén á posta en valor desta rede, a través dun plan integral de reestruturación e optimización.

Nesa liña, o presidente sinalou que a Oficina Agraria Móbil será un elemento máis da rede de oficinas agrarias comarcais espalladas por todo o territorio galego, polo que todas as instalacións físicas actuais -recalcou- permanecerán abertas. Co obxectivo de prestar o mellor dos servizos, segundo engadiu, a Xunta está a traballar na optimización de infraestruturas e tecnoloxías nun total de 27 destas oficinas, buscando que recuperen o seu labor tradicional de asesoramento e referente no rural galego. Deste xeito, Núñez Feijóo puntualizou que o novo dispositivo móbil servirá para cubrir as necesidades xurdidas naqueles emprazamentos onde por mor das obras non se poida acceder ás oficinas agrarias comarcais físicas, a maiores do seu cometido principal de desprazarse aos lugares onde non existen este tipo de instalacións.

O presidente do Goberno galego aproveitou o acto para reeditar o compromiso da Xunta co rural; cun rural “competitivo, dinámico e vivo” que axude a fixar poboación, actividade e onde se garanta a remuda xeracional. Non en van, lembrou que máis de 4.000 mozos se incorporaron á actividade agraria na última década.

Nesta liña, afirmou que a Administración autonómica seguirá apostando polo sector forestal e alimentario nos proxectos tractores a liderar a captación dos Fondos Next Generation. “Aprobamos unha Lei de recuperación da terra agraria; estamos a crear casas do maior e casas niño; estamos a impulsar o Plan de Atención a Domicilio; ampliando o servizo de banda ancha e fomentando o transporte á demanda”, engadiu, referíndose tamén á iniciativa de impostos cero no rural.

Así mesmo, trasladou a preocupación ante a escaldada da luz e o seu impacto directo no sector primario; así como a suba das materias primas. Ao respecto, urxiu novamente á aprobación da Lei de cadea alimentaria e que os prezos do leite se adecúen aos custos. “O leite non pode ser un produto reclamo”, di. Neste sentido, a Xunta xa reiterou ao Estado que actúe de acordo coas súas competencias para garantir uns prezos xustos para os agricultores e gandeiros. Cabe lembrar que o Goberno central non está tendo en conta as demandas de Galicia para asegurar que se cubran os custos de produción, especialmente no sector lácteo, e se asegure unha marxe de beneficio para os produtores.

Feijóo concluíu insistindo na oportunidade que os fondos europeos Next Generation supoñen para transformar en clave de futuro o rural galego, grazas a proxectos como: a biofábrica de produtos téxtiles de carácter sostible, que permite completar o ciclo da madeira na Comunidade, lanzando un produto sustentable e innovador ; o centro para a economía circular, enfocado ao aproveitamento de distintos residuos, incluído o excedente dos xurros; a iniciativa de recuperación integral e sostible do rural galego a través da posta en valor da terra, no marco da Lei de Recuperación da terra agraria, que permitirá mobilizar parcelas infrautilizada; ademais doutros proxectos ligados á investigación agraria, dixitalización do sector primario e mellora de regadío.
 

Imaxes relacionadas