A Xunta salienta a importancia da aceleradora do sector loxístico galego para impulsar proxectos de valor capaces de atopar o seu espazo no mercado

O director do Igape, Fernando Guldrís, participa na xornada de presentación dos 17 proxectos preseleccionados para formar parte da Cologistic Business Acelerator, impulsada no marco do proxecto europeo CoLogistics

Destaca que a industria loxística galega representa o 4% do PIB da Comunidade, e suma preto de 50.000 empregos e case 12.000 empresas

Subliña que esta aceleradora contribuirá a estender a rede de aceleradoras galegas que atenden a outros campos como a alimentación (BFFood), a aeronáutica (BFAEro), ou a automoción (BFAuto)
 

Vigo, 5 de novembro de 2021

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na xornada de presentación dos 17 proxectos tecnolóxicos preseleccionados para formar parte da CoLogistics Business Accelerator (CBA), a aceleradora do proxecto europeo CoLogistics que, segundo resaltou, aspira a "impulsar iniciativas de valor capaces de atopar o seu espazo no mercado".

O proxecto CoLogistic, explicou Guldrís, -liderado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra e no que participa, ademais da Xunta, a Autoridade Portuaria de Vigo, a Associação Empresarial de Portugal, a Administración dos portos do Douro, Leixões e Viana do Castelo e a Cãmara Municipal de Vilanova de Famalição-, busca dar resposta aos retos de futuro que se plantexan para a industria loxística.

Entre estes retos, o director do Igape fixo referencia á transformación dixital e sostible; á optimización do sistema de infraestruturas, con especial relevancia para o Corredor Atlántico; ao impulso da internacionalización de toda a cadea de valor; e a innovación colaborativa, impulsando novos proxectos como esta Cologistic Business Acelerator.

"Estamos a falar dunha aceleradora de apoio e fomento de proxectos que acheguen solucións aos retos plantexados polas empresas tractoras; con recursos técnicos, coñecemento, experiencia, metodoloxías e relaciones para facilitar que os participantes poidan evolucionar rapidamente, coñecer a fondo as necesidades dos clientes e xerar propostas de valor capaces de atopar o seu espazo nos mercados", afondou Guldrís.

Neste sentido, o director do Igape puxo en valor a importancia dun proxecto como este para un sector importante da economía galega. Unha industria, detallou, que en Galicia xera preto de 2.300 millóns ao ano, supondo o 4% do PIB da Comunidade, empregando a case 50.000 persoas e sumando arredor de 12.000 empresas.

Non en van, lembrou Guldrís, o informe Ardan 2019 destaca o potencial do sector e o sitúa como o segundo sistema produtivo con maior rendibilidade económica en Galicia. "Por este motivo, debemos reforzar esta industria incentivando o seu desenvolvemento no marco da economía verde e circular, a súa dixitalización e apostando polo talento e a formación especializada do persoal", incidiu.

O director do Igape subliñou tamén que a nova aceleradora contribuirá a estender a rede de aceleradoras galegas que atenden a outros campos como a alimentación (BFFood), a aeronáutica (BFAEro), ou a automoción (BFAuto).

Imaxes relacionadas