A Xunta destaca a estabilidade de prezos da biomasa e a oportunidade que supón para o seu impulso

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta mañá en Pontevedra nunha xornada técnica sobre experiencias de aproveitamento e valorización da biomasa residual forestal en Galicia

Pontevedra, 5 de novembro de 2021

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe en Pontevedra nunha xornada técnica sobre experiencias de aproveitamento e valorización de biomasa residual forestal en Galicia, organizada pola Universidade de Vigo no marco do proxecto BioFore Plus. Na súa intervención, destacou a estabilidade de prezos dos últimos anos da biomasa leñosa e explicou que isto supón unha oportunidade para impulsar o seu aproveitamento e uso.

Lema lembrou a aposta que a Xunta está a realizar por promover este produto a través dunha estratexia propia grazas á que se facilitou, no período 2014-2020, a instalación de 7000 caldeiras, actuacións en 72 edificios públicos e a creación de 700 empregos. Ademais, no eido da investigación, o CIS Madeira participou nos proxectos Biomasa AP e Valornature, para avanzar no aproveitamento da biomasa forestal e na súa valorización.

O director xeral asegurou que a Xunta seguirá apoiando toda a cadea de valor da madeira e lembrou que o Goberno galego destinará nos orzamentos de 2022 máis de 15M€ a axudas para pemes e micropemes da industria forestal, con especial atención á innovación tecnolóxica e adaptación de maquinaria. Ademais, puxo a disposición de empresas e asociacións as instalacións do CIS Madeira para seguir colaborando e intercambiando coñecemento de xeito complementario ao Laboratorio de Biomasa da Universidade de Vigo.
 

Imaxes relacionadas