A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a aprobación do proxecto de acondicionamento e mellora da seguridade viaria do antigo trazado da PO-400 en Arbo

Esta intervención suporá un investimento autonómico de preto de 1,3 millóns de euros e executarase en dúas fases: unha 1ª de acondicionamento do treito antigo da vía, e unha 2ª de mellora da intersección co actual trazado da estrada

Rehabilitarase o firme e construiranse beirarrúas e sendas nos tramos urbanos, acondicionaranse os cruces e executarase unha nova rotonda

Crearase un carril de parada de autobús, coa colocación dun refuxio, ademais dunha zona de aparcadoiro

Mellorarase tamén a seguridade peonil no antiga traza da PO-400, coa construción dun itinerario peonil cun ancho de 1,80 metros
 

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución de aprobación definitiva do proxecto de construción das obras de acondicionamento do antigo trazado da estrada PO-400, no concello de Arbo.

Esta actuación de mellora da seguridade viaria na antiga traza desta vía conta cun investimento da Xunta de preto de 1,3 millóns de euros, nos que se inclúe tamén o pagamento dos 62 predios necesarios para levar a cabo esta actuación.

O DOG de hoxe publica, ademais, a aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://bit.ly/3BLE1Tu

Onte mesmo, o Consello da Xunta autorizou o decreto das expropiacións para impulsar esta actuación, cuxa execución se dividirá en dúas fases: unha primeira de acondicionamento do treito antigo da PO-400, e unha segunda de mellora da intersección co actual trazado da estrada.

A Xunta convocará o levantamento das actas previas das expropiacións e licitará a execución da 1ª fase das obras no primeiro trimestre de 2022. Os traballos contan cun prazo de execución de oito meses.

A actuación do departamento que dirixe Ethel Vázquez suporá o acondicionamento e mellora do trazado antigo da PO-400 mediante a rehabilitación do firme e a execución de beirarrúas e sendas nos treitos urbanos, así como o acondicionamento das interseccións inicial e final da estrada e a creación dunha rotonda na contorna do punto quilométrico 24 da estrada actual.

O proxecto inclúe a execución dun novo tramo de conexión, desde a antiga estrada ata a citada glorieta do quilómetro 24, así como o acondicionamento do acceso á glorieta prevista, desde a estrada que discorre en dirección ao núcleo do Picoto.

Tamén se inclúe a execución dun carril de parada de autobús e a colocación dun refuxio no punto quilométrico 24+240 da PO-400, e a construción dunha zona de aparcadoiro entre os puntos quilométricos 1+250 e 1+300 da estrada PO-400A.

Destaca, ademais, na intervención a mellora da seguridade peonil no antigo trazado da PO-400, mediante a execución dun itinerario cun ancho de 1,80 metros, incluído bordo, e unha rígola de 0,30 metros entre a estrada e o dito bordo, na maioría do seu trazado.