Galicia avoga pola participación da cidadanía no deseño do futuro de Europa fronte ao euroescepticismo

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu hoxe á clausura do encontro europeo “Voces europeas retando ao euroescepticismo” organizado polo Concello de Rois que rematou coa sinatura dun pacto de irmandade entre os representantes dos municipios dos 27 Estados Membros

O proxecto enmarcado no programa europeo “Europa para a cidadanía” é o único aprobado a unha entidade española na última convocatoria co obxectivo de poñer en valor o traballo da Unión Europea

Rois (A Coruña), 4 de novembro de 2021

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu hoxe xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, á clausura do encontro europeo Voces europeas retando ao euroescepticismo, organizado polo concello de Rois coa sinatura dun pacto de irmandade entre os representantes dos municipios dos 27 Estados membros da Unión Europea participantes.

No encontro participaron representantes de municipios, entidades educativas e asociacións procedentes de 27 Estados membros co obxectivo de abordar as causas e as consecuencias do euroescepticismo.

A actividade enmárcase no proxecto financiado polo programa europeo Europa para a cidadanía, que foi unha das 40 propostas seleccionadas entre preto de 400 proxectos presentados á Comisión Europea. Desde o inicio do programa, só se aprobaron 7 proxectos en España, sendo 4 deles en Galicia.

A Xunta destaca que o euroescepticismo é unha das ameazas para o proxecto europeo debido ao auxe dos populismos e a desinformación. Por iso, aposta por reforzar o compromiso da cidadanía co proxecto europeo a través da educación ou dunha maior participación dos poderes locais e rexionais na construcción europea para acadar unha Europa máis forte, cohesionada e próxima aos intereses dos cidadáns.

Nesta liña, a Conferencia sobre o Futuro de Europa constitúe un foro de debate sen precedentes que permitirá á cidadanía europea deseñar o futuro da Unión Europea.

O encontro europeo Voces europeas retando ao euroescepticismo tamén incluíu visitas ao Pazo de Faramello de Rois, ao Parlamento de Galicia, ao casco histórico da cidade de Santiago e ao Museo das Peregrinacións.

Programa “Europa para a cidadanía”

Ao encontro en Rois seguirán outros 3 en A Valleta (Malta), Budapest (Hungría) e Tesalónica (Grecia) no marco deste proxecto que reunirá a entidades de 27 Estados membros, e que está financiado ao abeiro do programa Europa para a cidadanía. A través desta iniciativa da UE, apóianse proxectos que axuden á sociedade para comprender a historia, os valores e a diversidade da UE, así como a animar aos cidadáns para participar e comprometerse coa democracia a nivel comunitario.

Deste xeito, preténdese apoiar actividades como as levadas a cabo estes días en Santiago de Compostela e Rois que cubran a participación cívica, centrándose en particular nas políticas da Unión Europea, así como iniciativas que desenvolvan oportunidades para o entendemento mutuo, a aprendizaxe intercultural, a solidariedade, o compromiso social e o voluntariado a nivel da UE.