A Xunta aposta en Vigo por impulsar e dar a coñecer o traballo das mulleres emprendedoras para construír “unha Galicia máis igualitaria”

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, clausurou hoxe o acto de entrega da Camelia á viguesa do ano, un distintivo que outorga cada ano a Asociación Mulleres en Igualdade de Vigo

Destacou que a Xunta traballa para crear un futuro máis igualitario para o que sinalou que é preciso apoiar ás mulleres na conciliación da vida familiar, persoal e laboral e avogar pola corresponsabilidade nas tarefas entre homes e mulleres

Puxo en valor o traballo en xeral da asociación Mulleres en Igualdade de Vigo e, en particular, do labor que desenvolve co programa Violencia de xénero, unha realidade oculta, que Emprego e Igualdade financiou con 35.000 euros

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe en Vigo a importancia de seguir impulsando o traballo das mulleres emprendedoras de Galicia e de continuar visibilizando o seu labor para construír “unha Galicia máis igualitaria”. López Abella interviu na clausura do acto de entrega da Camelia á viguesa do ano, un distintivo que cada ano outorga a Asociación Mulleres en Igualdade de Vigo a unha muller distinguida polo seu labor e traxectoria. Nesta edición recoñeceuse o traballo das mulleres que viven do mar a través de Antonia Rodríguez Dieguez, que recolleu o galardón. Ao acto tamén asistiron a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

López Abella apuntou que “Galicia medra tamén en feminino grazas a exemplos como o de Antonia” e, por iso, indicou a importancia de apoiar ás mulleres na conciliación da vida familiar, persoal e laboral e avogar pola corresponsabilidade nas tarefas entre homes e mulleres.

A secretaria xeral da Igualdade sinalou, ademais, o labor en xeral do movemento asociativo de Galicia para dar a coñecer o traballo das mulleres galegas e, en particular, destacou o traballo de Mulleres en Igualdade de Vigo e do seu programa Violencia de xénero, unha realidade oculta, que desenvolve para loitar contra esta lacra social. A Consellería de Emprego e Igualdade financiou este ano esta iniciativa con preto de 35.000 euros a través da convocatoria de axudas destinadas a apoiar ás mulleres máis vulnerables.

Para seguir loitando contra a violencia de xénero e promover a igualdade, os orzamentos de Emprego e Igualdade para 2022 crecen na área de Igualdade un 14%, ata os 31,4 millóns de euros.

Imaxes relacionadas