O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participa na presentación do libro ‘Galicia. As súas catedrais e Santiago o Maior’, de José Manuel García Iglesias

Román Rodríguez sitúa o Plan catedrais da Xunta como un paso decisivo para garantir a súa conservación

Loa a “rica e contundente” documentación do autor do libro que reflexiona en como a sociedade civil e eclesiástica converxen na construción de cada basílica

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación do libro Galicia. As súas catedrais e Santiago o Maior, de José Manuel García Iglesias, onde puxo de manifesto a importancia estratéxica destes templos na política patrimonial e cultural da Xunta de Galicia. A obra presentada hoxe é o primeiro volume dunha colección que explorará o fenómeno artístico do Xacobeo ao longo de toda a Península.
Durante o acto, Román Rodríguez referiuse á aposta do Goberno autonómico por blindar a conservación destes templos a través do Plan Catedrais, a folla de ruta en marcha con diversas actuacións ata 2027, que, como expresou, supón un paso decisivo para garantir que as futuras xeracións “aprecien a súa riqueza arquitectónica e espiritual”.
Para o titular de Cultura da Xunta, as catedrais representan “a pegada de séculos de tradición artística, intelectual e espiritual, testemuña da nosa Historia a través do tempo”. Por iso o Goberno autonómico conta cunha folla de ruta cun investimento próximo aos 40M€ e plans a curto e medio prazo para actuar nas diferentes basílicas coa colaboración das dióceses e cabidos catedralicios.

O papel da investigación

Román Rodríguez referiuse á riqueza patrimonial de Galicia grazas, en boa medida, a bens como as catedrais que son obxecto de “devoción e intriga para estudosos de todos os eidos, desde historiadores ata teólogos”. Neste sentido, destacou o traballo realizado por José Manuel García Iglesias con esta nova publicación que “non é unha investigación máis”.

Salientou a “rica e contundente documentación” levada a cabo polo autor que é quen de “reflexionar sobre como a sociedade civil e eclesiástica converxen na construción de cada templo e vincula a complexidade arquitectónica das nosas catedrais na influencia decisiva do Camiño de Santiago como renovador estético e social”.

Imaxes relacionadas