O Sergas e as organizacións sindicais abordan as características da nova categoría de facultativo especialista en atención primaria

Na xuntanza tamén se acordou a posibilidade que terá todo o persoal do Servizo Galego de Saúde e as súas entidades adscritas, de gozar dos días de libre disposición do presente ano, até o 31 de marzo do ano 2022

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021

A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, e os representantes das organizacións sindicais, mantiveron esta mañá unha reunión na que se abordaron as principais características da nova categoría de facultativo especialista en atención primaria.

No transcurso da xuntanza da Mesa sectorial, a Administración facilitou un documento no que se resolven diversas dúbidas suscitadas ao redor desta nova regulación profesional. A medida insírese dentro do conxunto de accións que o Servizo Galego de Saúde está a implementar para paliar o grave déficit de médicos de familia que se prevé durante os vindeiros 4 anos.

Os profesionais que accedan á nova categoría desempeñarán as súas funcións nas prazas vacantes dos centros de saúde, e tamén, seguindo o modelo actual de nomeamentos de continuidade, realizarán dúas gardas ao mes nos Puntos de Atención Continuada (PAC), sendo retribuídos de acordo ás condicións singulares da prestación.

A nova categoría permitirá atender as necesidades asistenciais por un tempo transitorio, sen que os médicos de familia dos centros de saúde se vexan obrigados a traballar nos PAC (e viceversa).

O Servizo Galego de Saúde, logo de aprobada a lei, continuará coa negociación dos diversos aspectos que afectan á nova categoría. Así, e como toda medida extraordinaria que se adopta por motivos conxunturais, a implantación da nova categoría revisarase cando as circunstancias o permitan.

Por outra banda, na xuntanza tamén se acordou a posibilidade que terá todo o persoal do Servizo Galego de Saúde e as súas entidades adscritas, de gozar dos días de libre disposición do ano 2021, até o 31 de marzo do ano 2022.

Imaxes relacionadas