O conselleiro do Medio Rural presidiu esta tarde en Boqueixón unha nova xuntanza do Consello Agrario Galego

A Xunta demanda ao Goberno central que actúe para que se cubran os custos de produción no sector lácteo e se asegure unha marxe de beneficio para os gandeiros

José González reiterou ao Goberno central que teña en conta no texto final da Lei da cadea alimentaria -actualmente en tramitación no Senado- o recoñecemento da Conta Láctea como forma de acreditación do custo efectivo de produción

Lembrou que a Xunta non pode fixar prezos mínimos para os produtos agrícolas ou gandeiros, porque isto non está permitido pola normativa de competencia española ao consideralos unha restrición ao libre mercado

Fixo un novo chamamento aos axentes da cadea para que trasladen, canto antes, a suba dos prezos aplicada pola distribución nos lineais ata os gandeiros, co fin de que se faga efectivo o equilibrio entre todos os elos

A prol do lácteo, a Xunta puxo en marcha a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego coa que xa iniciou a tramitación do Observatorio lácteo e da marca Leite de pastoreo de Galicia, ademais de promover a profesionalización do sector e a posta en marcha do Plan de pastos e da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

Boqueixón (A Coruña), 4 de novembro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu esta tarde en Boqueixón unha nova xuntanza do Consello Agrario Galego, onde demandou unha vez máis ao goberno do Estado que actúe de acordo coas súas competencias para garantir uns prezos xustos para os agricultores e gandeiros. Neste senso, advertiu que o Goberno central non está tendo en conta as demandas de Galicia para asegurar que se cubran os custos de produción, especialmente no sector lácteo, e se asegure unha marxe de beneficio para os produtores.

O conselleiro do Medio Rural sinalou que a subida de diferentes partidas que repercuten de forma moi negativa nun incremento de custos de produción para toda a actividade económica e, de maneira particular, no sector primario está a prexudicar aos máis débiles da cadea de valor alimentaria, que son os gandeiros.

Así, José González explicou que xa en febreiro do ano pasado solicitou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que a cadea de valor construíra o prezo do produto do sector primario a partir do custo de produción dos agricultores e gandeiros, evitando así a venda a perdas. Tamén lle pediu que fixera unha revisión da normativa para construír un marco lexislativo que conseguira o obxectivo de que calquera produtor agrícola ou gandeiro español obteña un prezo polos seus produtos que cubra os custos de produción máis a marxe de beneficio que se determine. É dicir, apurar a modificación do marco lexislativo estatal para permitir así alcanzar o obxectivo sinalado, que o produtor cubra os custos de produción e obteña unha marxe de beneficio. Neste senso, José González tamén lembrou que a Xunta non pode defender a fixación de prezos mínimos para os produtos agrícolas ou gandeiros, porque isto non está permitido pola normativa de competencia española, ao consideralos unha restrición ao libre mercado.

Tendo en conta que o Ministerio non atendeu as demandas de Galicia, o conselleiro reiterou a solicitude novamente por carta -a semana pasada- ao ministro, Luis Planas, que tivera en conta no texto final da Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria -actualmente en tramitación no Senado- o recoñecemento dos resultados económicos da Conta Láctea -ou outra aplicación oficial- como forma de acreditación do custo efectivo de produción. Así, reiterou o conselleiro, este mecanismo de control de prezos -creado pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega- pode garantir que ningún produtor cobre por debaixo dos custos e asegurar unha marxe mínima de beneficios.

Nesta liña, o titular de Medio Rural lembrou que Conta Láctea foi impulsada ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego e que os gandeiros da nosa comunidade xa a poden usar desde o mes de agosto. Así, sinalou que este mecanismo permite axudar aos gandeiros a mellorar a súa posición negociadora sobre os prezos do leite, ao coñecer con exactitude os custos de produción. Precisamente, indicou José González, o artigo 12 ter da Lei da cadea alimentaria recolle claramente que se deberá evitar a venda a perdas, polo que o conselleiro entende que a demanda de incorporar Conta Láctea na propia norma debe ser tida en conta para mellorar a actual situación dun sector tan estratéxico na economía do país.

Así mesmo, o titular de Medio Rural fixo un novo chamamento aos axentes da cadea para que trasladen, canto antes, a suba dos prezos aplicada pola distribución nos lineais ata os gandeiros, co fin de que se faga efectivo o equilibrio entre todos eles. Ademais, José González insistiu que esta defensa dos gandeiros e agricultores galegos está sendo o eixe principal na negociación da futura Política Agraria Común.

Neste senso, o conselleiro tamén detallou na reunión do Consello Agrario os últimos avances conseguidos polo Goberno galego nesta negociación, poñendo en valor o incremento de 11,8 millóns de euros anuais nas axudas asociadas ao vacún de leite en Galicia. Porén, resaltou que é preciso seguir traballando para adecuar a PAC ás especificidades da España húmida. Así, José González avanzou que se mellorou substancialmente o deseño dos ecoesquemas, pero é preciso buscar unha maior simplificación na súa execución, co fin de lograr un maior grao de cumprimento por parte dos solicitantes perceptores para facelos máis atractivos e aproveitables.

Por último, o titular de Medio Rural insistiu na defensa e apoio por parte da Xunta aos produtores galegos, porque desta forma impúlsase todo o sector primario. Nesta liña, lembrou que a Administración galega está a facer os seus deberes coa implantación das medidas contidas na Estratexia do sector lácteo e, a través dela, xa iniciou a tramitación do Observatorio lácteo -co fin de acadar unha mellor estrutura sectorial- e da marca Leite de pastoreo de Galicia, un selo que vén reforzar Galega 100% da que se está a facer unha promoción inxente. Pero nesa defensa de intereses, o conselleiro tamén destacou a aposta da Xunta pola profesionalización do propio sector -materializada na celebración de ata cinco edicións dos cursos de Gandeiros 20-30- e a posta en marcha do Plan de pastos e da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que permitirán dotar de base territorial ás explotacións galegas coa implantación de polígonos agrarios, no caso do lácteo para a produción de forraxes.

Polo tanto, José González reiterou o apoio da Xunta aos produtores galegos para fortalecer ao sector primario de Galicia e pediu novamente a implicación do goberno do Estado para que actúe de acordo coas súas competencias e asegure a viabilidade das explotacións agrarias en xeral e das lácteas en particular.

Imaxes relacionadas