O Bono Activa Comercio da Xunta acada unha mobilización de 25 millóns de euros en vendas nos establecementos de proximidade

Feijóo afirma que este compromiso da Xunta co sector seguirá presente de cara ao vindeiro ano, xa que os orzamentos para 2022 reservan un total de 25 millóns de euros para novas iniciativas que seguirán impulsando o comercio

Santiago, 4 de novembro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que o Bono Activa Comercio acadou unha mobilización de 25 millóns de euros en vendas nos establecementos de proximidade, fomentando o comercio e apoiando a recuperación do sector.

No tocante aos produtos, Feijóo destacou: as vendas en prendas de vestir, con máis de 7 millóns de euros mobilizados; seguidas de calzado, artigos de pel, bolsos e maletas, con 3,38 millóns; xoguetes e artigos deportivos -2,68 millóns- e libros, xornais e artigos de papelaría -2,5 millóns-. “Estas catro categorías supuxeron máis do 60% das vendas realizadas cos descontos do activa comercio”, engadiu, precisando que o programa, que finalizou o pasado 31 de outubro, pechou cun total de 5.696 establecementos adheridos e 237.398 bonos descargados.

Feijóo afirmou que este compromiso da Xunta co sector seguirá presente de cara ao vindeiro ano, xa que os orzamentos para 2022 reservan un total de 25 millóns de euros para seguir impulsando o comercio, a través de iniciativas como as destinadas a continuar promovendo a transformación dixital e a modernización do comercio de proximidade.

 

Imaxes relacionadas