A nova Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras inxectará 83 M€ no sistema educativo en catro anos para accións de alto impacto e especialización na aprendizaxe de idiomas

Feijóo salienta que o obxectivo é acadar en 2030 que o 85% dos centros educativos teñan desenvolvido o modelo plurilingüe

Avanza que se contempla a creación de centros plurilingües de excelencia

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe, tras a reunión do Consello da Xunta, que a nova Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras -Edulingüe 2030- inxectará 83 millóns de euros no sistema educativo en catro anos para accións de alto impacto e especialización na aprendizaxe de idiomas.

“O obxectivo é acadar en 2030 que o 85% dos centros educativos teñan desenvolvido o modelo plurilingüe”, incidiu Feijóo.

Nesa liña, o presidente da Xunta explicou que se ampliará o plurilingüismo ás ensinanzas de Réxime Especial, como danza, conservación, restauración de bens, ensinanzas deportivas, etc.

Este salto compleméntase con actuacións que pasan por un reforzo da inmersión lingüística e de programas como unha maior oferta de estadías de proximidade por distintos puntos de Galicia fóra do horario lectivo para aprender idiomas nun contexto lúdico e de interacción persoal, como serían, por exemplo, os campamentos de xuventude plurilingües.

A maiores, a nova Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras inclúe unha liña para compartir as boas prácticas entre centros; o reforzo da certificación de competencias lingüísticas para alumnos e profesores de modo que poidan ver recoñecidos os seus coñecementos dentro do Marco Europeo Común de Referencia, ou a implantación dun programa denominado Linguas en Acción para mellorar formación docente e afondar na especialización e internacionalización, incluíndo programas de intercambio.

Ademais, o presidente da Xunta avanzou que se contempla a creación de centros plurilingües de excelencia.

Por outra banda, e no referido á innovación, Edulingüe 2030 recolle iniciativas para acadar unha cidadanía dixital plena mediante estratexias de ensino apoiadas na tecnoloxía e que teñen continuidade ao longo de toda a vida ou coa oferta de ferramentas de aprendizaxe con recursos dixitais a disposición de toda a cidadanía.

Feijóo concluíu aseverando que Edulingüe 2030 “dá continuidade ao traballo iniciado no curso 2010-2011 e recolle, perfecciona e amplía a aposta polo plurilingüismo”.

Imaxes relacionadas