A Xunta fai entrega ao Concello de Bóveda dun vehículo con distintivo ambiental eco

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, indicou que o vehículo está financiado a través da convocatoria de 2021 do Fondo de Compensación Ambiental cun importe de preto de 28.000 euros

A Xunta investiu este ano 11M€ neste fondo que se destinarán a apoiar 256 iniciativas dos concellos galegos relacionadas co funcionamento de servizos municipais destinados á protección do medio ambiente e do espazo natural

Bóveda (Lugo) 4 de novembro de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá o concello de Bóveda, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, co que o Goberno galego colaborou no financeamento dun vehículo ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental cunha axuda de 28.000 euros.
Natalia Prieto fixo entrega do vehículo que segundo indicou está destinado a realizar os traslados de cargas e materiais das distintas actividades municipais, reducir emisións de gases de efecto invernadoiro, incremento da eficiencia enerxética., cooperar a non contaminación do medio ambiente e acadar un aforro enerxético e económico no seu mantemento. O novo vehículo conta con 2 prazas, motor eléctrico 100 kW/ batería 75 kWh, potencia máxima 136 cv ,automático e gancho.
O Goberno galego financia a través da convocatoria de 2021 do Fondo de Compensación Ambiental, que conta cun orzamento de 11 millóns de euros., un total de 256 actuacións relacionadas, por exemplo, coa adquisición de vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco coma neste caso, a contratación de persoal e equipamento para a protección do medio ambiente, así como melloras no saneamento, o abastecemento de auga ou a recollida de lixo e melloras da eficiencia enerxética no alumeado público ou en instalacións municipais.
Este fondo destínase, de feito, ao funcionamento de servizos municipais destinados á protección do medio ambiente e do espazo natural. Trátase de actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, ao coñecemento e á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e á recuperación do medio natural degradado, así como ao impulso da eficiencia enerxética e á utilización sustentable das enerxías renovables. A Administración autonómica puxo en marcha en 2010 este fondo para distribuír os ingresos do canon eólico, o que permitiu ata agora cofinanciar máis de 2.300 proxectos por un importe de case 108 millóns.

Imaxes relacionadas