A Xunta impulsa melloras nos colexios número 1, número 2 e Randufe e no IES San Paio de Tui cun investimento de 403.000€

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anuncia estas novas actuacións, xunto ao alcalde, Enrique Cabaleiro, nunha visita ao CEIP Plurilingüe Número 1, onde se renovarán todas as fiestras e as luminarias

Catro dos proxectos xa están adxudicados e acometeranse nas vindeiras semanas, mentres que o da modernización das carpintarías exteriores do Número 1, o máis contioso con 227.000€, atópase en fase de contratación

Tui, 4 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, está a impulsar diversas melloras de eficiencia enerxética, servizos educativos e infraestruturas nos colexios Plurilingüe Número 1, Número 2 e Randufe e no IES San Paio, todos eles no Concello de Tui, cun investimento de 403.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou estas actuacións nunha visita realizada na compaña do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o xefe territorial de Educación, César Pérez, e responsables da unidade técnica ao CEIP Número 1, que vai ser o que reciba un maior investimento, de 275.000 euros, para unha dobre actuación consistente na renovación de todas as fiestras e a substitución das súas luminarias e falsos teitos.
“Seguimos a investir de xeito constante na modernización dos centros educativos da provincia ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e por iso imos acometer de inmediato todas estas melloras en tres colexios e un instituto de Tui para conseguir a súa plena eficiencia enerxética e outorgar unha maior confortabilidade e comodidade ás súas comunidades educativas”, sinalou o representante autonómico.
Catro destes proxectos xa se atopan adxudicados e executaranse nas vindeiras semanas co obxectivo de que estean rematados antes de que comece o segundo trimestre do curso lectivo. En concreto, trátase da renovación de luminarias e falsos teitos do CEIP Número 1 por 47.654 euros, a mesma actuación no centro de Randufe por 47.959 euros, a renovación dos aseos do colexio Número 2 por 43.466 euros e a cuberta dos vestiarios do IES San Paio cunha contía de 37.070 euros.
Por outra banda, o proxecto de maior investimento, cun total de 227.000 euros, correspóndese coa renovación das carpintarías exteriores e a reparación de filtracións no CEIP Plurilingüe Número 1, que agora mesmo está en fase de contratación coa baremación das ofertas presentadas. As obras teñen un prazo máximo de dous meses e desenvolveranse entre o que resta de ano e o comezo de 2022 cun cronograma fixado para que os traballos no interior do inmoble se fagan en períodos non lectivos ou fóra do horario escolar para non interromper as clases.
En concreto, as obras previstas consisten na substitución de todas as ventás por outras de carpintaría de aluminio con dobre vidro, rotura de ponte térmica e cámara de aire para incrementar a resistencia térmica e reducir a permeabilidade do aire no interior do colexio. Así mesmo, vanse mellorar as caixas das persianas con illamento e, no que se refire á reparación de filtracións, acometerase a substitución das celosías de formigón prefabricado no peche das escaleiras por perfilería de fachadas con partes fixas e articuladas dotadas con vidros dobres.

Imaxes relacionadas