A Xira do espectáculo do Centro Dramático Galego ‘O charco de Ulises’ chega á provincia de Ourense esta fin de semana

A obra da unidade teatral da Xunta de Galicia representarase o sábado no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras e o domingo no Auditorio Municipal Ílduara de Celanova

A peza dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso percorrerá ata o 12 de decembro vinte escenarios de Galicia e do norte de Portugal, entre os que tamén figuran Ourense e Verín

Ourense, 4 de novembro de 2021

A produción do Centro Dramático Galego, unidade teatral da Xunta de Galicia, O charco de Ulises, dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, chega esta fin de semana á provincia de Ourense, cunha función no Barco de Valdeorras o sábado e outra en Celanova o domingo. As actuacións forman parte da xira que comeza mañá venres en Tui e que percorrerá ata o 12 de decembro vinte escenarios de Galicia e do norte de Portugal. Ourense e Verín son outras localidades da provincia nas que tamén estará a montaxe.

A función prevista para o sábado terá lugar no Teatro Municipal Lauro Olmo ás 20,00 horas. As entradas poden adquirirse de xeito anticipado no establecemento Ton y Son e no despacho de billetes desde unha hora antes do inicio do espectáculo.

Pola súa banda, o Auditorio Municipal Ílduara de Celanova acollerá a representación o domingo 7, ás 18,30 horas. As entradas están á venda na Oficina de Turismo da localidade.

O charco de Ulises continúa o seu percorrido a semana vindeira con dúas actuacións en Portugal, en Viana do Castelo e Barcelos, e outra parada en Ourense, neste caso na capital da provincia. Será o día 12, ás 20,00 horas, no Teatro Principal. A venda de entradas está xa activada en ataquilla.com e poderanse comprar tamén no despacho de billetes o mesmo día da función, de 12,00 a 14,00 horas desde dúas horas antes do inicio.

Posteriormente, tras visitar o concello pontevedrés de Cangas e o coruñés de Oleiros, a montaxe volverá á provincia ourensá cunha representación no Auditorio Municipal de Verín o 17 de novembro, ás 20,00 horas.

O clásico de Homero nun contexto galego
O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto, escrito por Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.
Fran Paredes e Inés Salvado encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.

No equipo artístico figuran Pablo Giráldez O Pastor no deseño da escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción e Keka Losada na de produción en xira.
Novo modelo de distribución
O charco de Ulises estreárase o 14 de xaneiro no Salón Teatro de Santiago, onde tiña previsto permanecer durante catro semanas de representacións, que tiveron que ser suspendidas no seu tramo final por mor da pandemia. A súa posta en escena inauguraba, ademais, unha nova etapa na compañía pública, que pospoñía a distribución dos espectáculos de produción propia para reforzar o papel do CDG como motor escénico galego a partir da crise sanitaria.