A Xunta leva a colección do CGAC a Ourense coa exposición ‘Néboas de luz’

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a mostra no Centro Cultural Marcos Valcárcel

Trátase dunha selección de obras de 12 artistas que poderá visitarse a partir de mañá ata o 16 de xaneiro

Ourense, 4 de novembro de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel no acto de presentación da exposición Néboas de luz, coa que a Xunta leva a colección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) á cidade de Ourense. Comisariada por Sara Donoso, a mostra ofrece unha selección de pezas de Pablo Barreiro, Andrea Costas, Tamara Feijoo, Amaya González Reyes, Menchu Lamas, Juan López, Loreto Martínez Troncoso, Ana Pérez Ventura, Isaac Pérez Vicente, Carlos Rodríguez-Méndez, Mauro Trastoy e Christian Villamide. Todas elas fóronse incorporando nos últimos anos aos fondos do CGAC.

Segundo sinalou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade na súa intervención, a iniciativa enmárcase no proxecto itinerante Unha mirada a Galicia, que se asoma á creación contemporánea galega a través da colección do CGAC. Esta acción levou tamén a Vigo a mostra Pingas rompentes, inaugurada no Museo do Mar de Galicia o pasado outubro e onde permanecerá ata comezos de 2022.

Memoria visual de Galicia
Nesta liña, a escolma de obras exposta en Ourense mostra algúns dos enfoques narrativos e abordaxes plásticas que foron construíndo parte da memoria visual da Galicia máis recente. Para o secretario xeral, “permite así un pequeno achegamento a diferentes voces e sensibilidades que impulsan cos seus relatos múltiples aproximacións críticas, coas que compartir cuestións de natureza social, política, artística ou de identidade”.

O nome da exposición xorde a partir dunha das obras fotográficas, titulada Vía Láctea, e coa que a súa autora, Andrea Costas, fai referencia á lactación a través do mito da formación da galaxia. Como ese grupo de estrelas que deixa unha néboa luminosa, nesta selección de artistas e obras tamén se producen colisións e rozamentos que interactúan entre si e compoñen un percorrido. “Pódese trazar así unha analoxía para falar de artistas que confirman a súa independencia, pero tamén alumean xuntos cruzando intereses e creando un compromiso coa creación e a sociedade actuais”, apuntou Anxo M. Lorenzo.

Xunto ao secretario xeral de Cultura, no acto participaron tamén o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o tenente de alcalde de Ourense, Armando Ojea, así como a comisaria da exposición, Sara Donoso, e os directores do CGAC, Santiago Olmo, e do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Francisco González. Ademais, estiveron presentes artistas cuxas obras forman parte da mostra, como Pablo Barreiro, Andrea Costas, Juan López, Ana Pérez Ventura ou Christian Villamide.

Néboas de luz permanecerá nas salas 0 e 1 do Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o 16 de xaneiro de 2022. Pódese visitar de balde de luns a venres, de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 horas, e os sábados, domingos e festivos, de 11,00 a 14,00 horas.