A Xunta impulsa a celebración do 10º ciclo de concertos internacionais ‘Xacobeo Importa’, que arranca este domingo en Santiago con Efterklang

Seguiranlle as actuacións de Cécile McLorin Salvant o día 9 en Pontevedra, Christian Löffler o 25 en Vigo e Cracker o 4 de decembro en Ourense

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta nova edición do programa, un dos 17 subvencionados a través da convocatoria extraordinaria para espectáculos musicais no marco do Xacobeo 21-22

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021

O ciclo musical Xacobeo Importa celebra este outono a súa décima edición cunha serie de catro concertos de artistas internacionais para os que conta coa colaboración económica da Xunta de Galicia. Este apoio materialízase a través da subvención á promotora Sweet Nocturna como unha das 17 adxudicatarias da convocatoria extraordinaria de axudas para espectáculos musicais dentro da programación do Xacobeo 21-22.

A banda danesa Efterklang será a encargada de abrir o programa o vindeiro domingo 7 na Sala Capitol de Santiago de Compostela, espazo onde hoxe tivo lugar a presentación do cartel deste ano a cargo do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e da directora de Sweet Nocturna, Raquel Seijo.

A esta cita seguiranlle os concertos da solista de jazz Cécile McLorin Salvant no Auditorio Afundación de Pontevedra o día 9, do alemán Christian Löffler no Mondo Club de Vigo o día 25 e o do grupo estadounidense Cracker no Teatro Principal de Ourense o 4 de decembro. As entradas para todos eles xa están á venda na web de Ataquilla.

Calidade e heteroxeneidade

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou a traxectoria do ciclo musical Galicia Importa que, coincidindo coa celebración da súa 10ª edición dentro do Xacobeo 21-22, rebautízase como Xacobeo Importa ao igual que fixera con motivo da programación cultural do anterior Ano Santo de 2010. Lembrou, ademais, que a Xunta vén apoiando esta iniciativa en resposta á calidade e heteroxeneidade da programación musical que presenta en cada nova entrega.

Desta volta, a colaboración concrétase a través da devandita liña de subvencións para espectáculos musicais, que o Goberno autonómico engadiu ao seu Plan de reactivación cultural co obxectivo de contribuír á recuperación das promotoras musicais independentes fronte ao impacto económico da crise sanitaria. A través desta medida, distribúense 850.000 euros entre 17 ciclos e espectáculos que se desenvolven nas catro provincias ata finais de ano e suman arredor de 100 actuacións, tanto de artistas e grupos galegos como da escena nacional e internacional.

No caso do Xacobeo Importa, os concertos arrancan este domingo co son elegante e delicado de Efterklang, que ten en Santiago unha das tres paradas españolas na xira de presentación de Windflowers, o seu último traballo discográfico e o primeiro para o prestixioso selo City Slang.

Ademais dos daneses, nos vindeiros días tamén visitará Galicia a estadounidense Cécile McLorin Salvant, vocalista consolidada xa como unha das referencias do jazz mundial e gañadora, entre outros moitos premios, de tres Grammy ao mellor álbum de jazz vocal. Para o seu concerto de Pontevedra, estará acompañada do quinteto de luxo co que viaxa ata España para actuar tamén no Auditorio Nacional de Madrid e no Festival de Jazz de Barcelona.

Pola súa banda, o alemán Christian Löffler chegará a Vigo no marco dunha xira que está a levantar gran expectación e na que o alemán, un dos máximos expoñentes da denominada electrónica emocional, presentará o seu tributo a Beethoven en Parallels.

Xacobeo Importa tamén terá parada en Ourense, onde tocarán os veteranos Cracker, banda de culto do rock de raíces americanas da que a prensa destaca especialmente os seus memorables directos.

Cunha traxectoria de máis de 60 concertos, o ciclo organizado por Sweet Nocturna mantén este ano a súa aposta pola descentralización e desestacionalización, coa que conseguiu situar Galicia no calendario das xiras europeas de artistas do talle de Joan Baez, Alice Cooper, Yo la Tengo, Teenege Fan Club, Interpol ou St. Etienne, entre moitos outros.

Imaxes relacionadas