A Xunta destinará 2,4M€ a instalacións xeotérmicas dentro da liña de apoios para proxectos renovables de uso térmico

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta mañá en Santiago de Compostela nunha xornada centrada na rehabilitación enerxética e as novas instalacións renovables co foco na xeotermia

Destacou o papel decisivo dos fondos europeos Next Generation como motor da transformación dixital e sustentable do tecido produtivo galego

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta mañá en Santiago de Compostela na xornada sobre fondos europeos Next Generation Novas instalacións e rehabilitación enerxética: xeotermia, organizada por Acluxega.

Na súa intervención a directora amosou o compromiso da Xunta de seguir avanzando nun modelo enerxético sostible. Neste obxectivo, destacou o papel decisivo e necesario que van desempeñar os fondos europeos Next Generation como motor da transformación dixital e sustentable do tecido produtivo galego.

A directora agradeceu a Acluxega a organización deste acto e lembrou o traballo conxunto que a Administración e o clúster están realizando a través do plan para a promoción e o impulso da xeotermia en Galicia 2021-2023. Ademais, avanzou que na próxima liña de axudas para proxectos renovables de uso térmico -que se abrirá ao longo do mes de decembro- a Xunta reserva 2,4M€ para apoiar instalacións xeotérmicas.

Paula Uría incidiu no esforzo que o Goberno galego está a realizar para promover o uso das enerxías renovables e as actuacións en materia de eficiencia enerxética e informou de que entre 2020 e 2021 xa se teñen convocado axudas nestes dous eidos por preto de 98M€ coas que se atenderon, ata o momento, 36.500 solicitudes.

Imaxes relacionadas