O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias presentou a ferramenta na Casa da Cultura de Mazaricos

A Xunta explica a gandeiros do Xallas que a aplicación Conta Láctea lles axudará a mellorar a súa posición negociadora sobre os prezos do leite

Esta aplicación informática, creada polo Goberno galego xunto coa Fundación Juana de Vega ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo, está concibida tamén para facilitar a xestión empresarial das explotacións leiteiras

A Xunta avoga porque esta ferramenta sexa recoñecida como unha fonte de datos de consulta pública consonte á normativa vixente para permitir a súa utilización como referente na negociación dos prezos do leite
 

Mazaricos (A Coruña), 3 de novembro de 2021

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado por José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, informou hoxe aos gandeiros da comarca do Xallas sobre a nova Conta Láctea. Na xuntanza explicouse o funcionamento e as utilidades desta aplicación informática, creada pola Xunta en colaboración con esta fundación, para calcular os custos de produción das explotacións leiteiras.
Así, José Balseiros destacou que a principal finalidade da aplicación é mellorar a xestión económica das explotacións e tamén a capacidade negociadora dos gandeiros diante dos primeiros compradores de leite. Para acadar estes obxectivo, a aplicación -creada ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo- permite, entre outras cousas, controlar os investimentos e os custos de produción e concretar canto custa producir un litro de leite e a que prezo se pode vender.
Outras vantaxes que ofrece son, por exemplo, o feito de ser de balde, ter un acceso sinxelo vía web, un manexo moi intuitivo e a posibilidade que aporta de emitir unha conta de resultados completa e un informe cos resultados obtidos. Este informe está pensado, precisamente, para empregarse por parte dos gandeiros como elemento de negociación do seu contrato coa industria, de tal xeito que o prezo percibido polo leite, de acordo coa lexislación, non poida ser inferior ao seu custo de produción.
A presentación de hoxe gandeiros desta comarca leiteira forma parte do calendario previsto pola Consellería do Medio Rural para explicar o contido e alcance de Conta Láctea aos gandeiros galegos. Así, en vindeiras datas está previsto continuar esta rolda de contactos noutros puntos de Galicia, especialmente naquelas comarcas de maior vocación leiteira.

Lei da cadea alimentaria

Así mesmo, o director xeral lembrou que a Xunta solicitoulle ao Goberno central que esta ferramenta sexa recoñecida como unha fonte de datos de consulta pública consonte á normativa vixente para permitir a súa utilización como referente na negociación dos prezos do leite.
Nesa liña, apuntou que a Consellería solicitou ao Estado que inclúa na Lei da cadea alimentaria -que se está tramitando no Senado- unha disposición específica que contemple a Conta Láctea como ferramenta mínima para negociar os prezos do leite.
O acceso a Conta Láctea pódese facer a través da páxina web de Medio Rural, no seguinte enlace: https://www.contalactea.gal/pladel/.

Imaxes relacionadas