A Xunta somete á participación pública o proxecto de recuperación ambiental para a depuración das augas residuais procedentes da mina de San Finx

Con este trámite séguese o procedemento establecido que debe superar o novo proxecto de depuración presentado pola empresa para garantir o cumprimento dos parámetros da calidade das augas para o vertido ao río Pesqueira

O obxectivo é ofrecer máxima transparencia e garantir a participación dos axentes implicados, recollendo os informes sectoriais dos distintos órganos con competencias

O novo proxecto incorpora os requirimentos exixidos por Augas de Galicia sobre o anterior, baseándose nos resultados obtidos nos ensaios efectuados nunha experiencia piloto, que acreditou o cumprimento dos parámetros

A instalación de depuración proposta deberá axustarse aos requirimentos técnicos e medioambientais establecidos, facendo Augas de Galicia un seguimento continuo para garantir que se cumpra en todo momento cos parámetros fixados
 

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2021

A Xunta, a través de Augas de Galicia, vén de someter á participación pública o proxecto de recuperación ambiental para a depuración das augas residuais procedentes da Mina de San Finx.

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publica hoxe o anuncio polo que se somete a información pública o novo proxecto presentado por Tungsten San Finx, S.L., no marco do expediente de solicitude de autorización para o vertido ao río Pesqueira (ou rego de Rabaceiros) das augas residuais depuradas procedentes da explotación mineira situada en Vilacova, no termo municipal de Lousame. As persoas interesadas terán un prazo de 30 días, contados a partir do seguinte á data de publicación do anuncio, para presentar as achegas e consideración que estimen oportunas.

Con este trámite séguese o procedemento establecido que debe superar o novo proxecto de depuración presentado pola empresa para garantir o cumprimento dos parámetros da calidade das augas para o vertido ao río Pesqueira.

Este procedemento ten por obxectivo ofrecer máxima transparencia e garantir a participación dos axentes interesados, recollendo os informes sectoriais dos distintos órganos con competencia na materia.

O novo proxecto incorpora os requirimentos exixidos por Augas de Galicia sobre o anterior, baseándose nos resultados obtidos nos ensaios efectuados nunha proba piloto, que acreditou o cumprimento dos parámetros fixados para o medio receptor no Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrolóxica de Galicia-Costa e no Real Decreto 817/2015, de 11 de setembro, polo que se establecen os criterios de seguimento e avaliación do estado das augas superficiais e as normas de calidade ambiental.

A actuación de rexeneración ambiental proposta recolle dúas fases: unha de baleirado, previa á explotación, cunha duración de 494 días. O obxectivo desta fase, que unha vez finalizada non volverá repetirse, é evacuar a auga acumulada nas galerías da mina ata acadar a cota que permita as condicións de explotación.

Nunha segunda fase, de explotación, o caudal máximo de vertido será de 631.836 m³/ano, co fin de manter o nivel freático de auga no interior das galerías que garanta as condicións de explotación e evite riscos de seguridade para os traballadores.

O novo proxecto presentado pola empresa substitúe o tratamento físico-químico de tipo pasivo, proposto inicialmente para o tratamento das augas residuais de achique da mina, por un tratamento físico-químico activo que, segundo se constatou nas probas piloto, permitirá garantir a compatibilidade do vertido cos obxectivos de calidade do medio receptor.

A actuación de recuperación ambiental prevé o tratamento na nova planta depuradora de todas as augas residuais industriais de achique procedentes das galerías. Así mesmo, no novo proxecto a duración da fase previa de baleirado increméntase substancialmente respecto á proposta inicialmente, pasando de 95 a 494 días, coa conseguinte redución no caudal de achique. Isto permite reducir riscos de afección ao medio receptor, minimizados, en todo caso, dada a capacidade de tratamento da depuradora.

O sistema de depuración que se propón deberá axustarse aos requirimentos técnicos e medioambientais exixidos, facendo Augas de Galicia seguimento continuo para garantir que se cumpran en todo momento os parámetros fixados.