A Xunta reúnese co Goberno de Castela e León para intercambiar propostas en materia de conciliación

Jacobo Rey destacou algunhas iniciativas postas en marcha polo Goberno galego, entre as que salientou a gratuidade dos segundos fillos e seguintes en calquera escola infantil e súa ampliación a todos os nenos para o vindeiro curso

Tamén puxo en valor outras axudas como o Bono Concilia ou a Tarxeta Benvida
 

Ponferrada (León), 3 de novembro de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, mantivo hoxe unha reunión coa directora xeral de Familias, Infancia e Atención á Diversidade de Castela e León, Esperanza Vázquez, para poñer en común os diferentes programas cos que contan ambas comunidades autónomas en materia de conciliación familiar.

Durante o encontro, Jacobo Rey puxo en valor as iniciativas postas en marcha pola Xunta de Galicia neste ámbito, como a gratuidade dos segundos fillos e seguintes en calquera escola infantil, sexa da titularidade que sexa. Desta axuda actualmente estanse a beneficiar 10.200 nenas e nenos galegos, cifra que se duplicará coa entrada en vigor o vindeiro curso da ampliación desta medida tamén aos primoxénitos.

Ademais, o director xeral salientou outras axudas desenvoltas polo Goberno galego para facilitar a conciliación das familias, como o Bono Coidado, que ten como finalidade cubrir algunhas necesidades para conciliar a vida persoal, familiar e laboral, ou a Tarxeta Benvida, que permite mercar en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos especializados en artigos e produtos para a infancia, entre outros.