A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presentou hoxe nunha xornada en liña as bases para impulsar o documento que marcará as directrices de saneamento de Galicia

A Xunta pide a colaboración dos concellos, das deputacións e das confederacións hidrográficas na elaboración do novo Plan de saneamento de Galicia

Comezan os traballos de actualización desta ferramenta imprescindible ante o cambio climático, tanto para mitigar os seus efectos como para anticiparse ás ameazas dun escenario de seca

O novo plan persegue dotar de saneamento adecuado os núcleos urbanos de máis de 1.000 habitantes, planificar a axeitada xestión das augas pluviais e ordenar o saneamento en territorios dispersos

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2021

A Xunta pediu hoxe a colaboración dos concellos, das deputacións provinciais e das confederacións hidrográficas na elaboración do novo Plan de Saneamento de Galicia.
A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, xunto co xerente da entidade hidráulica da Xunta, Gonzalo Mosqueira, presentou hoxe, nunha xornada en liña, as bases do traballo para impulsar esta ferramenta imprescindible para abordar a estratexia de cambio climático, tanto no ámbito da mitigación dos seus efectos, como no da adaptación e anticipación ante as ameazas derivadas dun escenario de seca.

Tal e como indicou a directora de Augas de Galicia, con este encontro de hoxe márcase o inicio dos traballos de actualización do Plan de saneamento vixente, de cara a redacción do novo documento que recollerá as que serán as novas directrices de saneamento da Comunidade Autónoma.

Na reunión, dirixida a conseguir a colaboración dos concellos e xestores dos sistemas na recompilación de información de cara ao enriquecemento do plan, déronse a coñecer as catro fases das que se compón esta planificación. Fíxose especial fincapé na primeira fase, que terá como principal finalidade analizar e diagnosticar a situación actual do saneamento e a depuración en Galicia, así como elaborar unhas directrices nas que se establezan os criterios básicos para as actuacións dos actores competentes en materia de saneamento.
Para a elaboración desta primeira fase de análise e diagnóstico, así como para a elaboración das directrices de saneamento de Galicia, a Xunta destinará aos traballos de apoio técnico un investimento de máis de 1,7 M€.

Os traballos permitirán analizar a situación do saneamento e depuración mediante a elaboración dun sistema de indicadores. Tamén se recompilará a información e elaboraranse estudos de detalle sobre distintas temáticas específicas. Incluiranse, ademais, nos estudos outros aspectos, como os principios xerais polos que se deben rexer os servizos de saneamento e depuración e as normas e a organización para o seguimento e a revisión do plan.

O novo Plan Galego de Saneamento
O novo Plan da Xunta propón un ambicioso programa de traballo, estruturado nas seguintes liñas: garantir o saneamento adecuado para todas as aglomeracións urbanas maiores de 1.000 habitantes; realizar unha xestión adecuada das augas pluviais na planificación do saneamento; e ordenar a configuración do saneamento en territorios dispersos como son os do medio rural galego.

De xeito transversal, a estas tres grandes liñas de traballo estratéxicas, incorpóranse outras dúas: a mellora da gobernanza na prestación do servizo público de saneamento e depuración e o fomento da educación, divulgación e participación pública.

O desenvolvemento do conxunto dos traballos da Xunta realizarase ao longo de tres anos, diferenciándose esta primeira etapa de análise da situación actual, que culminará coa elaboración dunhas directrices metodolóxicas e técnicas; e unha segunda etapa, posterior, de elaboración e redacción do Plan galego de saneamento.

Cómpre lembrar que o vixente Plan galego de saneamento foi o impulsor do salto tan significativo que Galicia deu en materia de depuración e de calidade das augas nos últimos anos.

Desde 2009 o Goberno galego leva achegado 1.100 millóns de euros á execución de máis de 300 actuacións en materia de abastecemento en 165 concellos e máis de 350 obras de saneamento en beneficio de 186 concellos, apoiando ás administracións locais no desenvolvemento das súas competencias municipais de abastecemento, saneamento e depuración, tal e como se establece na normativa básica en materia de réxime local.