A Xunta impulsará as escolas de arte como canteira cultural a través do plan Educ-Arte

Melloraranse os currículos e o funcionamento dos centros que imparten música, danza, artes plásticas e deseño e conservación e restauración de bens culturais

A Rede de Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia conta co certificado de de AENOR, que acredita a consolidación dun sistema de calidade na súa xestión

O Goberno galego vén de recoñecer cos premios extraordinarios nas modalidades de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño o traballo de seis estudantes
 

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou esta mañá a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, en Santiago de Compostela, onde lembrou que a Xunta de Galicia está a traballar no Plan Educ-Arte. O obxectivo desta iniciativa é impulsar este tipo de centros educativos como canteira cultural, aproveitando ademais a oportunidade que supón a década xacobea.

Neste sentido, e para dar pulo a estas ensinanzas artísticas, melloraranse os currículos e o funcionamento dos centros que imparten música, danza, artes plásticas e deseño e conservación e restauración de bens culturais. Neste curso 2021/2022 estes centros acumulan preto de 6.000 alumnos e alumnas.

Román Rodríguez destacou esta nova iniciativa no marco do compromiso da Xunta de Galicia cos centros artísticos e puxo en valor a calidade das ensinanzas que se imparten nos mesmos. Non en balde, a Rede de Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia está acreditada co certificado de calidade ISO 9001:2015 de AENOR, un selo que amosa a consolidación dun sistema de xestión de calidade nas catro escolas que integran a rede.

Centro de ampla traxectoria

Así mesmo, salientou a ampla traxectoria da Mestre Mateo, que leva formando artesáns e creadores do máximo nivel desde o ano 1888, cando se fundou como Escola de Artes e Oficios, e que ten contribuído de forma decisiva á profesionalización destas disciplinas en Galicia.

Na actualidade, a Mestre Mateo é a única escola pública que imparte en Galicia as titulacións de Deseño de Moda e de Deseño de Produto, os ciclos formativos de Arquitectura Efémera, Técnicas Escultóricas, Fotografía e Xoiaría artística, así como oferta no réxime modular para adultos en taller de dourado e prateado e de policromía.

A Xunta de Galicia, explicou o conselleiro, está traballando para nun futuro próximo continuar ampliando as posibilidades desta escola con novos itinerarios vencellados ás necesidades actuais do sector.

Premios extraordinarios

No marco do seu compromiso con estes estudos, a Xunta recoñece un ano máis o traballo de seis alumnos cos premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución destes galardóns, que poñen en valor o traballo dos alumnos máis destacados tras rematar os seus estudos no curso 2020/21, que reciben nesta edición un galardón de 1.000€, un 18% máis ca na última convocatoria, ademais dun diploma acreditativo e dunha distinción que constará nas súas certificacións académicas.

Os tres premios na modalidade de Música recaen en Alba Raña Barreiro, da especialidade de Piano do Conservatorio Profesional de Música de Vigo; en María Lejuan Terán Muíño, da especialidade de Óboe do Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño (Ferrol) e en Belén Troitiño Dono, da especialidade de Clarinete do Conservatorio Profesional de Música da Estrada.

Na modalidade de Artes Plásticas e Deseño as galardoadas son María Esther López Álvarez, da especialidade de Fotografía da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón (Lugo), e Silvia Meilán Caramés, da especialidade de Escultura aplicada ao espectáculo da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso (A Coruña).

No caso da modalidade de Danza, o galardoado é Xián Blanco Carbón, da especialidade de Danza clásica do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

Para concorrer a esta convocatoria as persoas aspirantes debían contar cunha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais nas modalidades de Música e Danza, ou no ciclo formativo de grao superior no caso da modalidade de Artes Plásticas e Deseño. Ademais, debían presentar copia de gravación de vídeo nas modalidades de Música e Danza, ou memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior na de Artes Plásticas e Deseño.
 

Imaxes relacionadas