A Xunta licita por 253.000 euros as obras de mellora do saneamento na parroquia de Roimil, en Friol

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a nova infraestrutura estenderá o servizo aos lugares do Campo da Feira, O Pazo, Currás e A Penagateira

As empresas interesadas en presentar ofertas teñen de prazo ata o vindeiro 2 de decembro

Arias salientou que o Goberno galego destina 14,8 M€ á provincia de Lugo nos orzamentos do vindeiro ano para seguir apoiando aos concellos na prestación do servizo municipal de abastecemento e depuración de augas
 

Friol (Lugo), 3 de novembro de 2021

A Xunta licita hoxe a través da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia as obras para dotar dunha rede de saneamento e depuración de augas residuais á parroquia de San Xiao de Roimil, no concello de Friol.

Así o anunciou o delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, quen explicou que os traballos saen a licitación por un orzamento próximo aos 253.000 euros (252.714 €) e as empresas interesadas teñen de prazo para presentar ofertas ata o vindeiro 2 de decembro.

A actuación servirá para achegar este servizo aos lugares do Campo da Feira, O Pazo, Currás e A Penagateira. As obras previstas céntranse na construción da rede de colectores necesarios para evacuar as augas residuais ata o sistema de depuración previsto, que estará formado por unha depuradora de oxidación total.

A rede de saneamento proposta consiste nunha condución principal, dous colectores que verten ao principal e catro ramais secundarios, construídos en tubaxe de PVC. A rede complétase con 59 pozos de rexistro.

Capacidade para 200 habitantes

A infraestrutura proxectada por Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, beneficiará a 20 vivendas que reúnen unha poboación equivalente de 200 habitantes.

Arias lembrou que a intervención é froito dun convenio entre a Xunta e o Concello de Friol, polo que a Administración autonómica achega o 80% do orzamento e a entidade local o 20% restante. As obras teñen un prazo de execución estimado de seis meses unha vez formalizado o contrato.

Augas de Galicia prevé realizar esta actuación no marco do Eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE aos efectos ocasionados pola pandemia da covid-19.

O delegado territorial destacou o apoio da Xunta aos concellos para que presten de xeito eficaz servizos de competencia municipal como os de saneamento e abastecemento. Nese sentido, salientou que os orzamentos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para 2022 destinan 14,8 M€ para mellorar infraestruturas hidráulicas na provincia de Lugo.
 

Imaxes relacionadas