Un total de 7 empresas presentan as súas ofertas para dotar de abastecemento ao núcleo de San Cristovo, en Paderne de Allariz, cun investimento de 245.000 €

Esta actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado entre Augas de Galicia e o Concello de Paderne de Allariz o pasado mes de xuño

A Xunta, ademais de achegar o 80% do orzamento, tamén se compromete a contratar, dirixir e executar as obras, que teñen un prazo de execución de cinco meses

O Concello contribuirá ao financiamento do 20% restante e asumirá a recepción, mantemento e a conservación das actuacións que se leven a cabo

O obxectivo é achegar o servizo de abastecemento ao núcleo de San Cristovo a través da execución dunha rede integrada por un bombeo, un novo depósito, a impulsión para levar a auga e unha rede en árbore para a súa distribución

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2021

Un total de 7 empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras para dotar de abastecemento ao núcleo de San Cristovo, en Paderne de Allariz.

Esta actuación, licitada por un importe de case 245.000 euros, enmárcase no convenio de colaboración asinado entre Augas de Galicia e o Concello de Paderne de Allariz o pasado mes de xuño.

En virtude do convenio, a Xunta, ademais de achegar o 80% do orzamento, tamén se compromete a contratar, dirixir e executar as obras, que teñen un prazo de execución de cinco meses.

Pola súa banda, o Concello de Paderne de Allariz contribuirá ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

Actuacións

Na actualidade, Paderne de Allariz conta cunha rede de abastecemento que dá subministración a todos os núcleos do municipio, salvo ao de San Cristovo, que pertence á parroquia de San Salvador de Mourisco. Isto é debido a que o depósito de cabeceira se atopa a unha cota inferior ao dito núcleo, polo que a poboación de San Cristovo se abastece na actualidade a través de acometidas particulares ou colectivas.

O obxectivo das obras é achegar o servizo de abastecemento de auga ao núcleo de San Cristovo, a través da execución dunha rede de abastecemento que inclúe un bombeo, un novo depósito e a impulsión para levar as augas ata o novo depósito de subministración e unha rede en árbore para a súa distribución.

Esta actuación permitirá dar servizo a unha poboación fixa de 62 habitantes para o ano horizonte 2045.

A Xunta segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades en materia de augas dun xeito eficiente.