A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e alcaldes da zona, supervisou as obras da 1ª fase do proxecto de mellora da capacidade e da seguridade viaria da estrada AC-862 entre San Sadurniño e Ponte Mera

Ethel Vázquez anuncia o inicio da información pública da 2ª fase do acondicionamento da estrada AC-862, que completará un investimento de case 14 M€ no eixe Ferrol-Ortigueira

Vázquez Mourelle salienta que o obxectivo é licitar os novos traballos na AC-862 de xeito paralelo ao remate da obra en execución, na primavera de 2022

A 2ª fase suporá un investimento da Xunta de 6,8 M€ para actuar en máis de 3 km, completando o acondicionamento da estrada ata Ortigueira

As persoas interesadas poderán presentar achegas ao proxecto da 2ª fase de acondicionamento da estrada AC-862 ata o 17 de decembro

A conselleira destaca que a 1ª fase das obras de mellora da capacidade e de seguridade entre San Sadurniño e Ponte Mera avanza a bo ritmo e acada o 36% de execución

Estes traballos, cun investimento de case 7,2 M€, realízanse en 18 km e inclúen a rectificación das curvas de radio máis reducido e un terceiro carril en case 4 km

Os Orzamentos do 2022 recollen unha partida de 7,53 M€ para a mellora das comunicacións de Ferrolterra e Ortegal, dentro dunha previsión de gasto total de 57,53 M€ que inclúen a VAC da Costa Norte

San Sadurniño (A Coruña), 3 de novembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe o inicio da información pública da 2ª fase do acondicionamento da estrada AC-862, que completará un investimento de case 14 millóns de euros no eixe Ferrol-Ortigueira.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e alcaldes da zona, supervisou as obras da 1ª fase de mellora da capacidade e da seguridade viaria da estrada AC-862, cuxo proxecto global abrangue o treito entre San Sadurniño e Ponte Mera.

A titular de Infraestruturas concretou que a 2ª fase de mellora desta estrada autonómica, cuxo proxecto se somete hoxe a información pública, suporá un investimento da Xunta de 6,8 millóns de euros para actuar en algo máis de 3 km e completar o acondicionamento da estrada ata Ortigueira. Sinalou que desde hoxe e ata o 17 de decembro as persoas interesadas poderán presentar as súas achegas.

Ethel Vázquez avanzou que o obxectivo é licitar os traballos de xeito paralelo ao fin da obra actual, é dicir, na primavera do ano 2022. Indicou, neste sentido, que a 2ª fase das obras de mellora seguirán as mesmas características técnicas das que están xa en execución, con rectificación de curvas, instalación de cunetas de seguridade e a habilitación dun terceiro carril.

1ª fase da mellora da AC-862

A conselleira supervisou esta mañá o avance da 1ª fase das obras de mellora da capacidade e da seguridade viaria da estrada AC-862, entre San Sadurniño e Ponte Mera, que responde ao compromiso da Xunta adquirido cos alcaldes e cos veciños de Ferrolterra e Ortegal.

Detallou que os traballos, que comezaron a finais do pasado ano e, cun 36% de execución, avanzan a bo ritmo, mantendo o prazo da primavera do vindeiro ano para poñer á disposición dos veciños de San Sadurniño, Moeche e Cerdido esta obra.

Segundo explicou Ethel Vázquez, nestes momentos os labores céntranse no movemento de terras e nas obras de drenaxe neste primeiro treito de actuación, que se inicia pasado o núcleo de San Sadurniño e o enlace coa autovía Ferrol-Vilalba e chega ata o Campo do Hospital. A escavación en desmonte e de recheo dos terrapléns está practicamente rematada; os traballos para explanar e nivelar a capa da explanada, como paso previo á execución do firme, atópanse ao 90%; e a drenaxe transversal e lonxitudinal ao 85%.

Destacou que se trata dunha intervención ambiciosa, coa que se actúa en 18 km para mellorar as condicións de seguridade desta estrada autonómica, coa rectificación das curvas de radio máis reducido, ademais de habilitar un terceiro carril en case 4 km nas ramplas ascendentes. Os traballos supoñen un investimento de case 7,2 M€.

A conselleira fixo fincapé no compromiso da Xunta con esta comarca, reflectido nos Orzamentos do 2022, que recollen unha partida de 7,53 M€ para a mellora das súas comunicacións e a conexións de Ferrolterra e Ortegal, dentro dunha previsión de gasto total de 57,53 M€ na que se inclúe a VAC da Costa Norte.

Imaxes relacionadas