O presidente da Xunta reuniuse hoxe co presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Anxo Queiruga

Feijóo apela ao traballo conxunto entre administracións e entidades sociais para seguir avanzando cara á plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe ao traballo conxunto entre administracións e entidades sociais para seguir avanzando cara á plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos.

Durante unha reunión co presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Anxo Queiruga, Feijóo destacou o compromiso de Cogami para acadar esta meta, reflectidos nos máis de trinta anos dedicados a facilitar a vida e mellorar o benestar das persoas que máis o precisan, a través da defensa e promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social, da potenciación do asociacionismo e da prestación de servizos.

Constituída por preto de 50 asociacións do ámbito da discapacidade e con 11 iniciativas empresariais de economía social que dan emprego a máis de 700 persoas con discapacidade, o titular da Xunta aseverou que desde o seu nacemento, Cogami converteuse nunha das forzas sociais máis potentes de Galicia.

Nese camiño, recordou que o Goberno galego estivo sempre ao carón desta entidade e seguirao a facer, situando a atención ás persoas con discapacidade como eixe prioritario na axenda da Administración autonómica.

Ao longo da xuntanza, ambos avaliaron tamén os dous proxectos que a entidade presentou aos fondos europeos Next Generation e que suporían un investimento total de máis de 17 millóns de euros.

Imaxes relacionadas