A Xunta adxudica por preto de 165.000 euros as obras de reforzo da rede de abastecemento de auga en varios núcleos do municipio de Valga

A intervención, cun prazo de execución de 2 meses, permitirá a mellora dos sistemas destes servizos municipais nas parroquias de Valga, Campaña e Cordeiro

Ampliarase a rede de abastecemento para o núcleo de Raxoi e executarase o encontro de trazados da rede de San Miguel
 

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por preto de 165.000 euros as obras de reforzo da rede de abastecemento de auga potable en varios núcleos das parroquias de Valga, Campaña e Cordeiro, con concello de Valga.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle a resolución da adxudicación deste contrato á empresa Vázquez y Reino, S.L., cun prazo de execución de 2 meses.

Actuarase na ampliación da rede de abastecemento para o núcleo de Raxoi e na execución do encontro de trazados da rede de San Miguel. As obras tamén incluirán a substitución da rede de abastecemento nos núcleos de A Torre-O Coto, Castiñeiras, A Devesa, Vilarello e A Torre-Mina Mercedes.

Esta intervención forma parte do convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Valga. Mediante esta colaboración, Augas de Galicia cofinanciará a actuación nun 80%, e o Concello contribuirá ao financiamento do 20% restante.

Os traballos serán financiados no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á Covid-19.

Estas obras enmárcanse nas distintas actuacións que vén executando a Xunta nos últimos anos para poñer en funcionamento o sistema de abastecemento de Valga, que supoñen un investimento global de 8,6 millóns de euros.

Neste sentido, esta nova intervención dálle continuidade ás ultimas obras acometidas por Augas de Galicia entre 20216 e 2017, que consistiron na execución das conducións, estruturas e instalacións necesarias para dotar de subministro aos lugares dos Martores, As Laceiras e Os Vilares.

Tamén se efectuou o reforzo do abastecemento en Raxoi e nos núcleos de Cedelo, Cimadevila e Fontelo; a ampliación da ETAP de Valga dos 10 aos 15 l/s e a mellora da captación do río Valga, depósito de Albor e rede en alta existente.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez, continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan ofrecer de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.