O ciclo de exposicións 'Retratos: familia e infancia' inaugura unha nova mostra da man de Agafan

Os paneis informativos que a conforman recollen e destacan o traballo realizado a diario pola asociación a favor das familias numerosas

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2021

A Xunta inaugurou unha nova mostra dentro do ciclo de exposicións Retratos: Familia e Infancia centrada Asociación Galega de Familias Numerosas (Agafan), que traballa desde hai 30 anos para defender os dereitos das familias numerosas. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acompañado do presidente da entidade, Luis Sánchez, visitou a mostra, situada na Pirámide do edificio administrativo de San Caetano.

O director xeral salientou o importante papel que realiza Agafan, integrada na Federación Española de Familias Numerosas, para mellorar a calidade de vida destas familias e lograr o seu recoñecemento social.

Novo plan de familias numerosas

Neste sentido, Jacobo Rey puxo en valor o novo Plan de familias numerosas aprobado en xuño no Consello da Xunta e que ofrece un total de 48 medidas en cinco ámbitos distintos destinadas a axudarlles a desenvolver o seu proxecto de vida. Un documento que se estenderá ata o ano 2023 e que contará cun financiamento de 62 millóns de euros, o dobre que o anterior plan, de 2013.

Este Plan de familias numerosas contempla beneficios no eido da educación, da cultura e o lecer; da vivenda, o transporte e subministración; de apoio ás familias para a conciliación e o impulso demográfico; beneficios fiscais; e outras medidas. Entre as novidades atópase a dixitalización do título de familias numerosas, que permite ter un acceso máis cómodo e individualizado a este documento; e os descontos nas autoestradas dependentes da Xunta, unha medida que se fixo realidade este verán.
 

Imaxes relacionadas