A Xunta activa os investimentos de 2022 coa licitación inminente do saneamento de Reboredo, en Campo Lameiro, cun orzamento de 362.000€

O delegado territorial, Luis López, anuncia a próxima apertura da fase de contratación desta obra na Comisión Territorial de Coordinación da Delegación da Xunta en Pontevedra, que tivo lugar este mediodía en Campo Lameiro

A reunión deste equipo de traballo, que mantén o formato itinerante e chega por vez primeira á bisbarra de Pontevedra tras as celebradas en Oia, Covelo e O Grove, tamén abordou a reforma do centro de saúde do municipio con 94.812€

O encontro mensual tamén analizou os 97,1 M€ de investimentos para a comarca no vindeiro ano recollidos nos Orzamentos da Xunta, a nova quenda de vacinación fronte á covid-19, o éxito do Bono Cultura ou as cifras turísticas do inicio do outono
 

Campo Lameiro, 2 de novembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe que o Goberno galego vai activar de inmediato a tramitación administrativa previa á execución dos investimentos autonómicos para o ano 2022 coa licitación inminente da obra de construción da rede de saneamento de Reboredo, no Concello de Campo Lameiro, cun orzamento de 362.807 euros.

O representante autonómico informou da próxima apertura da fase de contratación desta obra no seo da Comisión Territorial de Coordinación da Delegación da Xunta en Pontevedra, que chegou por vez primeira á bisbarra de Pontevedra no marco da súa celebración itinerante por toda a provincia e tivo lugar no salón de plenos do Concello de Campo Lameiro. Con anterioridade, e ao abeiro da filosofía de descentralización destes encontros mensuais, xa se celebrara en Oia, Covelo e O Grove.

“A Xunta de Galicia fai os deberes e, nada máis presentar o proxecto de orzamentos, xa imos activar as tramitacións para comezar canto antes cos investimentos e esta obra en Campo Lameiro é fundamental para o municipio, polo que nuns días vaise abrir o prazo de presentación de ofertas”, explicou o delegado no encontro mantido cos xefes territoriais e, previamente, na reunión celebrada co alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, e membros do goberno local.

Luis López detallou que o proxecto de saneamento de Reboredo, que beneficiará aos 70 veciños deste lugar da parroquia de Fragas, consiste na construción dunha rede de seis colectores con 1.386 metros de canalizacións para derivar as augas residuais urbanas ata a depuradora da Laxe para o seu tratamento. A Xunta asumirá o 80% da actuación con fondos do Eixe REACT UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020 e o prazo de execución estimado é de 4 meses.

Así mesmo, e dado que a reunión tivo lugar en Campo Lameiro, tamén se analizaron outras actuacións proxectadas pola Xunta, como a próxima reforma integral do centro de Saúde, que suporá un investimento de 94.812 euros e que tamén aparece recollido nos Orzamentos 2022, ou a colaboración do Goberno galego para a celebración, esta pasada fin de semana, do Festival Solidario coa Illa da Palma. “O pobo de Campo Lameiro dou outra mostra máis da súa nobreza, esforzo, xenerosidade e solidariedade e, loxicamente, a Xunta apoiou decididamente este evento para botarlle un man, na medida do posible, aos nosos irmáns de Canarias”, sinalou Luis López.

Por outra banda, na reunión cos responsables territoriais das distintas consellerías tamén se abordaron as principais cuestións de ámbito autonómico referidas á provincia de Pontevedra, como os investimentos iniciais por 97,1 millóns de euros para a comarca de Pontevedra en 2022 recollidos nos Orzamentos da Xunta; a nova quenda de vacinación fronte á covid-19 nos dous vindeiros meses para reforzar a protección dos maiores de 65 anos; o éxito do Bono Cultura, que esgotou as 39.000 unidades en poucas horas e que mobilizará 4 millóns de euros para este sector ata final de ano coa participación de 157 establecementos da provincia; ou os moi bos resultados turísticos da provincia na primeira metade do outono.
 

Imaxes relacionadas