A conselleira de Política Social, Fabiola García, presentou esta mañá o programa aos traballadores do sector

A Xunta deseña o primeiro Plan de formación continuada para preto de 10.000 profesionais dos servizos sociais de Galicia

Está dirixido a todas as categorías profesionais e a todo tipo de instalacións, desde centros de menores, residencias, centros de día ou centros sociocomunitarios

Poñeranse a disposición 300 actividades distintas e máis de 6000 horas para atender desde aspectos normativos ata asistenciais ou tecnolóxicos

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2021

A Xunta deseñou o primeiro Plan de formación continuada para preto de 10.000 profesionais dos servizos sociais de Galicia. A conselleira de Política Social, Fabiola García, presentou esta mañá aos traballadores do sector o programa, que estará conformado por 300 actividades e máis de 6000 horas.

A conselleira sinalou que este Plan formativo permitirá atender as dúbidas e formar os profesionais dos diferentes centros nas técnicas máis avanzadas. Estará á disposición de todas as categorías profesionais, desde inspectores, directores, enfermeiros ou persoal de almacén e limpeza. Ademais, os contidos irán desde novidades normativas ata aspectos máis tecnolóxicos ou sociais.

Os cursos están destinados a todo tipo de centros independentemente da súa titularidade, desde centros de menores, residencias, centros sociocomunitarios ou centros de días. Para atender á dispoñibilidade horaria e a dispersión dos traballadores e dos centros, disporase de modalidade presencial e online.

Fabiola García sinalou que este plan permitirá formar unha das patas fundamentais do sistema de coidados como é o capital humano. Neste sentido, apuntou que ademais de mellorar as instalacións ou aproveitar as vantaxes da tecnoloxía o novo modelo de residencias debe ir enfocado a poñer en valor o labor de todos estes profesionais e axilizar e facilitar o seu traballo.

Plan de choque á dependencia

Paralelamente, a conselleira lembrou que hoxe se publica no Portal de Transparencia o inicio da tramitación do Decreto que simplificará a tramitación da dependencia. Este decreto, que forma parte do Plan de choque aprobado no mes de maio, permite unificar dous procedementos como a solicitude do grao en dependencia e a asignación dun Plan Individual de Atención. Ambos os dous procedementos fusionaranse nun só co que se acurtarán os prazos e tamén os documentos a presentar.

Imaxes relacionadas