A Xunta financia a instalación de toldos eléctricos na escola infantil de Arcade, no concello de Soutomaior

Aténdese unha petición trasladada pola comunidade educativa para mellorar o benestar das nenas e nenos do centro

Soutomaior (Pontevedra), 2 de novembro de 2021

A Xunta financiou unha obra de mellora na escola infantil de Arcade, situada no municipio de Soutomaior, que consistiu na instalación de toldos no patio exterior do centro. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde do concello pontevedrés, Agustín Regueira, visitou hoxe este equipamento pertencente á rede pública autonómica.
O xerente do Consorcio destacou que con esta actuación aténdese unha petición trasladada pola comunidade educativa, coa que se consegue mellorar o benestar das nenas e nenos da escola. En concreto, os traballos consistiron na instalación de dous toldos eléctricos que cobren o espazo existente entre as aulas e a zona exterior, deste xeito os pequenos quedan protexidos e resgardados das inclemencias do tempo.
Perfecto Rodríguez explicou que a finalidade desta intervención é, como todas as que sufraga o Consorcio, “seguir mellorando e mantendo en bo estado a rede de escolas públicas autonómicas”, xa que “o noso obxectivo é que as familias teñan á súa disposición unhas instalacións o máis cómodas e da maior calidade posibles”. O Concello encargouse da instalación dos toldos que financia o ente autonómico mediante a compensación das liquidacións que corresponde abonar á Administración local por este servizo público.

Gratuidade para as familias

Na actualidade, a escola infantil de Arcade conta con tres unidades en funcionamento e con 36 nenas e nenos de 0 a 3 anos matriculados. A partir do curso, 2022-2023 a atención educativa neste centro será de balde para todos os nenos, logo de que o Goberno galego estendese tamén aos primoxénitos a gratuidade da que desde abril de 2020 xa gozaban os segundos fillos e sucesivos.
Así, o vindeiro curso a Xunta aplicará a gratuidade xeral da educación infantil en todas as escolas: as públicas, as de iniciativa social, as privadas e as que son dos Concellos, sempre que estean ao corrente de pagos co Consorcio.
 

Imaxes relacionadas