A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou esta mañá en Vigo as instalacións da empresa Little Electric Car

A Xunta impulsa a capacidade de innovación de 15 pemes e microempresas situadas na comarca de Vigo

A través da liña de axudas InnovaPeme 2021, o Goberno galego concedeu apoio para mellorar a capacidade innovadora de 36 compañías de toda Galicia

Nas catro edicións do programa, téñense concedido axudas a 160 pemes e microempresas, a través dun investimento de 13,3 millóns de euros de fondos públicos e a creación ou mantemento de 767 postos de traballo

Vigo, 2 de novembro de 2021

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, acompañada da delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitaron esta mañá as instalacións de Little Electric Car, unha microempresa da comarca de Vigo dedicada ao desenvolvemento, industrialización e comercialización de vehículos eléctricos.

A compañía é unha das beneficiarias da convocatoria de axudas InnovaPeme do Goberno galego, que nesta última edición concedeu 36 axudas a pemes e microempresas galegas para a realización de actividades de innovación, coordinadas a través dun plan de innovación cun investimento público de 2,8 millóns de euros. O 42% destas empresas –un total de 15– están situadas na comarca de Vigo e contan cunha axuda de 1,2 millóns de euros coa que se mobilizará un investimento total de 2,4 M€.

En total, nas catro edicións desta convocatoria, concedéronse axudas para mellorar a capacidade innovadora de 160 pemes e microempresas, cunha axuda pública de 13,3 millóns de euros e un investimento público-privado de 26,6 millóns e a creación ou mantemento de 767 postos de traballo.

Vehículos innovadores

Nada en 2008, Little Electric Car está a implementar desde 2020 un plan de innovación para incorporar novos modelos de negocio baseados na subministración de enerxía a vehículos eléctricos co obxectivo de aumentar a súa capacidade innovadora e, por tanto, a súa competitividade, co apoio da Xunta de Galicia a través do programa InnovaPeme. Ademais, conta tamén cunha axuda do Goberno galego no marco do programa Principia 2021 para apoiar a contratación dun técnico que realice actividades de I+D+i na empresa.
A directora da Axencia Galega de Innovación destacou a aposta da compañía pola innovación e a capacidade para evolucionar adaptándose aos requirimentos dos clientes e ofrecendo solucións moi innovadoras no ámbito da electromobilidade sostible, desde o desenvolvemento e fabricación de vehículos eléctricos especiais a sistemas de almacenamento de enerxía estacionaria feitos con baterías de segunda vida, pasando por sistemas de recarga ultra-rápidos para vehículos eléctricos e híbridos en viaxes de longa distancia. Ademais, subliñou o seu avance cara a innovación aberta, colaborando cada vez máis con centros tecnolóxicos nos seus proxectos nacionais e internacionais.

Patricia Argerey contextualizou o apoio da Xunta de Galicia ao labor de Little Electric Car dentro do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que ten en marcha actualmente Gain, co propósito de dinamizar a innovación entre 15.000 pemes galegas –poñendo o foco posto naquelas con potencial para innovar pero que aínda non o fixeron, así como nas situadas en núcleos non urbanos–.