Chega o Mes da Ciencia en galego ás bibliotecas da Xunta con 40 actividades para todos os públicos

Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística presentaron hoxe a programación, a prol do achegamento da cidadanía á literatura científica en galego

Ao longo de novembro, haberá obradoiros de robótica, sobre científicas galegas e de experimentación na cociña, entre outros, así como espectáculos de narración oral, charlas e mostras bibliográficas con material divulgativo arredor da ciencia

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2021

Os centros bibliotecarios xestionados pola Xunta van acoller ao longo de novembro preto de 40 actividades de divulgación científica enmarcadas na celebración do Mes da ciencia en galego nas bibliotecas. Trátase dunha iniciativa do Goberno autonómico a prol do achegamento da cidadanía á literatura científica en galego. Os secretarios xerais de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e de Política Lingüística, Valentín García, presentaron hoxe en Santiago a programación prevista co gallo desta conmemoración.
No acto, desenvolvido na Biblioteca Pública Ánxel Casal, participou tamén a autora do manifesto deste ano, Amparo Alonso Betanzos, enxeñeira química, investigadora en intelixencia artificial, presidenta da Asociación Española de Inteligencia Artificial e Catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña. Alonso Betanzos convida no seu texto a gozar das bibliotecas como espazos que garanten o acceso libre á información e ao coñecemento.
Na súa intervención, Anxo M. Lorenzo salientou a extensa e variada programación organizada polas bibliotecas arredor do Mes da ciencia en galego, dirixida sobre todo ao público infantil. Para o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, os centros bibliotecarios ofrecen o mellor contexto para achegarse ao eido científico en galego, xa que poñen á disposición da poboación numerosos recursos bibliográficos, audiovisuais e tecnolóxicos para consulta e préstamo, ademais dunha ampla oferta de actividades divulgativas e de animación á lectura.
Pola súa banda, Valentín García destacou o labor que están a realizar os Equipos de Dinamización da Lingua Galega nos centros educativos para poñer en valor a ciencia e o galego na súa creación e divulgación, tamén coa colaboración das bibliotecas escolares. Neste sentido, referiuse ao recursos que proporcionan para potenciar a curiosidade e o interese dos máis novos pola ciencia, como xogos, vídeos ou experimentos.
O Mes da ciencia en galego ofrece actividades na Biblioteca de Galicia e nas bibliotecas públicas Miguel Ángel Garcés da Coruña, de Lugo, Nós de Ourense, Antonio Odriozola de Pontevedra, Ánxel Casal de Santiago e Juan Compañel de Vigo. Entre as propostas previstas cómpre destacar obradoiros infantís de robótica, de física e química a través da cociña, de achegamento as figuras das científicas galegas Ánxeles Alvariño e Isabel Zendal e de xoguetes, entre moitas outras.
Para a cativada e público familiar haberá tamén obradoiros, contacontos e espectáculos teatralizados. Ademais, en todos os centros se disporán mostras bibliográficas con material de divulgación científica. As propostas comezan xa mañá e requiren inscrición previa. A información está dispoñible nas webs dos respectivos centros.

Bibliotecas escolares

No caso das bibliotecas escolares, promoverase o desenvolvemento de iniciativas relacionadas coa ciencia. Ademais, a asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería mantén un portal cunha selección de materiais sobre ciencia en galego, así como maletas viaxeiras que poden utilizar os centros de xeito temporal con temáticas arredor dos diferentes eidos científicos. Neste curso continúase coa actualización de contidos, engadindo publicacións recentes realizadas con perspectiva de xénero.
Dispón tamén dunha selección de libros de divulgación científica en galego como apoio ao alumnado nos seus traballos de investigación, que neste curso se reforzará cunha dotación extraordinaria en Secundaria. A isto súmaselle o proxecto Biblioteca Creativa, enmarcado no Plan Lía (Lectura, Información, Aprendizaxe), a prol da introdución dun espazo de creación e experimentación na biblioteca escolar, e o Concurso de traballos por proxectos, que inclúe a nova modalidade para proxectos realizados con metodoloxía científica.

Imaxes relacionadas