O conselleiro participa na reunión conxunta cos máis de 130 docentes que integran os 27 grupos de traballo que están planificando os contidos na Comunidade galega

Román Rodríguez demanda ao Goberno do Estado que cumpra os prazos no deseño dos novos currículos educativos

Advirte de que os “retrasos e indefinicións” por parte do Ministerio entorpecen o labor da comunidade autónoma, que ten que desenvolver o 50% dos contidos

Pon a Galicia como exemplo de planificación, que leva semanas traballando desde unha perspectiva técnica para elaborar os contidos académicos da súa competencia

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Cultura, Román Rodríguez, demanda ao Goberno do Estado que actúe coa máxima responsabilidade e certezas no deseño dos novos currículos da nova lei educativa, LOMLOE, como o está a facer Galicia, que xa está traballando na parte dos contidos -o 50%- que lle corresponde ás comunidades autónomas.

O titular de Educación presidiu esta mañá unha reunión conxunta entre os máis de 130 profesionais (entre profesores, inspectores e directores) que integran os 27 grupos de traballo da Xunta de Galicia que levan semanas abordando o deseño dos contidos académicos que son da súa competencia.

Román Rodríguez amosou a súa preocupación polo retraso por parte do Goberno do Estado na publicación dos currículos xa que, segundo lamentou, “a día de hoxe o único que coñecemos son borradores que foron avanzados polos medios e posteriormente remitidos ás comunidades autónomas”. Neste senso advertiu do “serio risco” de que non estean listos para a súa entrada en vigor o vindeiro curso 2021-23.

Consecuencias do retraso

O conselleiro urxe ao Ministerio de Educación a que publique “antes de fin de ano” a parte estatal dos currículos para que, a partir de aí, Galicia e o resto das comunidades autónomas “poidamos desenvolver os decretos coa parte autonómica que nos corresponde”. “Galicia -explicou o conselleiro- non pode iniciar a tramitación dos seus decretos ata que non estea publicados os estatais. Se o Estado se retrasa na publicación do seus, temos o serio risco de que comecemos a tramitación moi tarde”.

Tendo en conta que a tramitación medida dun decreto está entre cinco e seis meses, “isto -advertiu o conselleiro- pode levar a que a finais deste curso ou principios do vindeiro teñamos situacións complicadas, de grandes incertezas”. A este respecto subliñou a necesidade de que o profesorado coñeza os contidos das materias da LOMLOE, especialmente daquelas que son de nova creación xa que, do contrario, “sen materiais e con escaso ou nulo tempo para preparalas e formase nelas”, vai ser complicado levalas á práctica.

Así mesmo, explicou que os retrasos tamén poden afectar ao sector editorial, que deben coñecer con antelación os currículos para, deste xeito, poder elaborar os materiais e contidos didácticos acordes á normativa.

Imaxes relacionadas