O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, inaugurou hoxe en Santiago de Compostela a xornada ‘Conversaciones para el mundo que viene’, organizada por APD

A Xunta destina 2600M€ nos orzamentos de 2022 para potenciar a dixitalización e a sustentabilidade como binomio clave para a recuperación económica

Acelerar a dixitalización das pemes; promover un modelo enerxético sostible; potenciar a innovación e o talento; impulsar a economía circular; e fomentar a internacionalización son algúns dos eixos prioritarios nas contas galegas de 2022

Conde defende a importancia que vai ter o tecido empresarial nesta nova etapa, polo que destacou a valía do modelo de colaboración público-privada para administrar unha das maiores fontes de recursos para a transformación como son os fondos europeos Next Generation

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou hoxe que tanto a dixitalización como a sustentabilidade conforman o binomio clave para a recuperación tras a pandemia, unha afirmación que realizou durante a inauguración hoxe en Santiago de Compostela da xornada Conversacións para el mundo que viene, organizada pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD).

Así, Conde defendeu o compromiso da Xunta de Galicia neste novo contexto, ao reservar 2600 millóns de euros nos orzamentos do próximo ano para pasar da reactivación á recuperación da economía de forma intelixente e sostible do modelo produtivo.

Acelerar a dixitalización das pemes; promover un modelo enerxético sostible; potenciar a innovación e o talento; impulsar a economía circular e completar as cadeas de valor do tecido produtivo; e apoiar ao tecido empresarial con novas liñas de financiación e o fomento da internacionalización, foron algúns dos exemplos que citou o vicepresidente económico como eixos de actuación prioritarios nas contas galegas de 2022.

Neste sentido, Conde salientou a importancia que vai ter o tecido empresarial nesta etapa de recuperación, ás que lle tocará apostar pola I+D+i, o compromiso social, o talento e a formación, polo que destacou a valía do modelo de colaboración público-privada para administrar unha das maiores fontes de recursos para a transformación como son os fondos europeos Next Generation.

Por iso defendeu a candidatura de proxectos “sólida e solvente” que presenta Galicia a estes fondos, ao mesmo tempo que lamentou que aínda se estea á expectativa de ver se o Goberno realiza un reparto xusto, equitativo e transparente.

Cabe recordar que a Comunidade enviou xa a súa proposta, na que se identifican catro áreas prioritarias: o sector forestal e a industria asociada –onde é clave a fábrica de fibras téxtiles que ten a Altri como socio industrial–; a automoción –onde resulta fundamental que o proxecto AutoAncora sexa incluído no Perte aprobado polo Goberno–; o sector agroalimentario; e a medicina personalizada –que abandeira o Grupo Zendal no ámbito da fabricación de vacinas–.

Así mesmo, Conde recordou que tamén se lle trasladou ao Goberno que, no caso de que deseñe Pertes específicos para os sectores naval e aeroespacial, Galicia quere incorporarse, polo que confía que o diálogo entre administracións sexa efectivo para abordar os grandes proxectos que Galicia aspira a levar a cabo.

Imaxes relacionadas