A Xunta apoia medio cento de editoriais galegas para a publicación e distribución de máis de 400 obras

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución das axudas de 200.000 euros para colaborar co sector e facilitar que os libros cheguen ao público

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2021

Máis de medio cento de editoriais resultaron beneficiarias este ano da liña de axudas da Xunta dotada de 200.000 euros para impulsar a distribución das obras editadas e facilitar que cheguen ao público.

En concreto, e como se pode consultar no Diario Oficial de Galicia, este ano publicáronse máis de 400 obras de 56 editoriais con esta axuda do Goberno autonómico, o que supón un incremento con respecto a 2020, cando as beneficiarias foron algo máis de 40.

As axudas van dirixidas á edición, distribución e comercialización das publicacións realizadas entre setembro do ano pasado e setembro deste ano. Ao abeiro desta liña de apoio, a Xunta contribúe aos gastos derivados de tradución e corrección, revisión, maquetación, custes de preimpresión, dixitalización, así como accións de comercialización como campañas de márketing e publicidade en diferentes medios e canles ou gastos de distribución.

Impulso con 2 millóns de euros


Esta acción enmárcase dentro do conxunto de iniciativas desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para contribuír co sector do libro en todas as súas vertentes. Ademais das axudas á distribución resoltas, o Goberno autonómico apoia ao sector na súa proxección exterior, nas feiras do libro de Galicia, na adquisición de novidades editorais, así como con actividades de dinamización para a lectura, cun investimento que en 2022 superará os 2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas