A Xunta dará a coñecer a próxima semana en Ferrol os materiais máis innovadores creados en Galicia

A Axencia Galega de Innovación celebrará o acto de peche do Certame de Materiais Innovadores de Galicia o vindeiro mércores 3 de novembro no CIS Tecnoloxía e Deseño, coincidindo co Día Mundial dos Materiais

A iniciativa recibiu 80 candidaturas procedentes de profesionais da artesanía, o tecido empresarial, centros de coñecemento e consorcios mixtos investigación-empresa
 

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), celebrará o vindeiro mércores 3 de novembro o acto de peche do Certame de Materiais Innovadores de Galicia, no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol. Na cita, que coincide co Día Mundial dos Materiais, daranse a coñecer os proxectos seleccionados das catro categorías nesta primeira edición, logo de que fosen preseleccionados os finalistas entre as 80 candidaturas presentadas por profesionais da artesanía, o tecido empresarial, centros de coñecemento e consorcios mixtos investigación-empresa.
Este certame, coordinado pola Materioteca de Galicia, busca identificar os materiais máis innovadores creados en Galicia para recoñecer a súa contribución ao deseño de produtos e espazos que marcan a diferenza.
A iniciativa conta con catro categorías, cada unha delas con dous materiais finalistas. No proceso de preselección observouse que estes reúnen unha serie de características comúns que reflicten o espírito do certame, dado que todos eles destacan en innovación, sustentabilidade e economía circular, á vez que son materiais con gran potencial de aplicación en moi diversos sectores. Ademais, o comité de expertos encargado da valoración subliña que maioritariamente se trata de propostas baseadas en fontes e recursos locais, o que resulta un impacto positivo no territorio.
Na sección de artesanía, compiten o algodón tintado con camelia, dotado con protección solar e libre de alérxenos e tóxicos –creado por Tusbaki Diseño– e o tecido D-Leite, elaborado con la meiriña e fibra de proteína láctea ecolóxica –creado por RIR & Co Diseño Textil Artesano–.
Na categoría de empresa, os finalistas son Peroxibiokey, un aceite vexetal con propiedades antisépticas, cicatrizantes, rexenerativas e antioxidantes –formulado por Keybiological– e Celtacal, un abono orgánico elaborado por Ecocelta Galicia a partir da cuncha de mexillón.
No apartado de investigación, resultaron finalistas un material de confort térmico para o interior de vehículos de transporte, mobiliario ou téxtil –presentado polo Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG)– e os sistemas estruturais celulares ecolóxicos de madeira para construción desenvolvidos pola Plataforma de Enxeñería de Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Das propostas presentadas por consorcios mixtos investigación-empresa foron preseleccionados os formigóns e morteiros para construción elaborados a partir de cuncha de mexillón –creados polo Consorcio Biovalbo, no que se integran a empresa Extraco e o Grupo de Construción da Universidade da Coruña (UDC)– e o biopavimento con nanocelulosa que representa unha alternativa verde ao asfalto desenvolvido conxuntamente pola empresa Misturas, Obras e Proxectos, o centro tecnolóxico Cetim e o Grupo de Estradas, Xeotecnia e Materiais da UDC.
O acto poderá seguirse en streaming, previa inscrición na páxina web do CIS Tecnoloxía e Deseño.