A Xunta salienta o papel do Cesga como colaborador no ecosistema de I+D+i e os sectores estratéxicos da economía galega na actual transición dixital

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago na XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, onde o Centro de Supercomputación de Galicia resultou premiado na categoría de Iniciativa da Administración polo seu proxecto Quantum Computing

Conde resalta que Galicia conta coa infraestrutura de vangarda necesaria para impulsar o Polo de tecnoloxías cuánticas que sitúe á Comunidade como un referente neste campo a nivel estatal

Subliña o papel da tecnoloxía inclusiva ao contribuír ao progreso económico e ao benestar das persoas, construíndo así a Galicia intelixente e sostible da próxima década

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe en Santiago de Compostela á XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, onde este ano o premio na categoría de Iniciativa da Administración recaeu no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) polo seu proxecto Quantum Computing, destinado a situar a Galicia como un referente internacional en tecnoloxías cuánticas en 2030.

Así, Conde quixo agradecer este galardón ao Colexio de Enxeñaría Informática de Galicia –organizador do evento–, ao mesmo tempo que destacou que o Cesga xoga un papel imprescindible como colaborador necesario do ecosistema de I+D+i e os sectores estratéxicos da economía galega neste contexto de transición dixital.

Neste sentido, asegurou que Galicia conta coa infraestrutura de vangarda necesaria para impulsar o Polo de tecnoloxías cuánticas que sitúe á Comunidade como un referente neste campo a nivel estatal. Un obxectivo no que a Xunta quere contribuír reservando unha partida específica nos orzamentos do vindeiro ano de 18,2 millóns de euros para levar adiante esta iniciativa.

Facendo referencia a algúns dos demais proxectos premiados, como o Talk de Samsumg Electronic Iberia que busca facilitar a comunicación ás persoas enfermas de ELA, puxo de manifesto que a tecnoloxía tamén debe ser inclusiva para cumprir unha dobre misión ao contribuír ao progreso económico e ao benestar das persoas, construíndo así a Galicia intelixente e sostible da próxima década.
Ese dobre obxectivo, defendeu Conde, será necesario para construír a Galicia intelixente e sostible da vindeira década, ao mesmo tempo que asegurou que vai seguir sendo clave o impulso do talento e o fomento das vocacións científicas nos máis novos.

Imaxes relacionadas