O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade inaugurou hoxe no CGAC a exposición ‘Walking East’, que permanecerá en Santiago ata febreiro de 2022

Román Rodríguez destaca a importancia do Camiño de Santiago na obra do artista británico Hamish Fulton

A mostra inclúe fotografías tomadas no percorrido entre Fisterra e Compostela, Pamplona, Rocensvalles e Hendaia

O proxecto está enmarcado na programación cultural do Xacobeo 21-22 e realizado en colaboración co Museo Universidade de Navarra

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2021

O conselleiro de Cultura Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a exposición Hamish Fulton. Walking East na que se pon de relevo a importancia do Camiño de Santiago na obra deste autor británico e como feito estético e artístico.

Trátase dun proxecto enmarcado na programación do Xacobeo 21-22, e realizado en colaboración co Museo Universidade de Navarra, no que se mostra un percorrido que parte de Fisterra cara ata Hendaia, en Francia, pasando por Compostela, Pamplona e Roncesvalles. Deste xeito, destácase a importancia do Camiño de Santiago e a conexión entre dúas cidades, Compostela e Pamplona, marcadas pola ruta xacobea.

Na súa intervención, o representante da Xunta de Galicia referiuse ao artista británico como “un dos grandes retratistas da natureza do noso tempo” e sinalou que a súa obra ilustra á perfección o “mapa de sentimentos que se vive no Camiño e que reflicte a necesidade do ser humano de descubrir e de desprazarnos”. Neste senso, engadiu que a súa ollada apunta directamente á acción de camiñar como un feito artístico e unha fonte de inspiración.

Múltiples olladas

Por outra banda, Román Rodríguez destacou que esta nova mostra do CGAC súmase ás múltiples iniciativas que abordan o fenómeno do Ano Santo e da peregrinación desde múltiples olladas. Proba disto son a mostra sobre o Camiño Portugués que se inaugurou esta mesma semana na Cidade da Cultura ou a retrospectiva Percorrer o tempo que pode verse na Autoridade Portuaria da Coruña e ofrece imaxes do Camiño tomadas por algúns dos mellores retratistas do mundo.

A exposición inaugurada hoxe acolle por primeira vez o conxunto de obra seriada producida por Hamish Fulton ao longo da súa traxectoria artística, así como unha selección de imaxes procedentes doutros proxectos desenvolvidos en España e de carácter internacional. Comisariada polo doutor en Belas Artes valenciano Pep Benlloch, a mostra conta tamén cunha fotografía e dúas esculturas de madeira pertencentes á colección do CGAC, xunto a préstamos de diversas coleccións privadas e públicas españolas, entre as que figuran o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, a Colección de Inelcom de Madrid ou Bombas Gens de Valencia.

Walking East pódese visitar ata o 20 de febreiro de 2022, de xeito libre no horario habitual de apertura do CGAC e os domingos ás 12,00 horas cunha visita guiada por mediadoras especializadas en arte. No seu obxectivo de posta en valor do camiñar e da Ruta Xacobea, a mostra de Fulton súmase a outra das exposicións que ofrece na actualidade o Centro Galego de Arte Contemporánea con obras de 12 artistas, Camiños II.

Imaxes relacionadas