A Xunta destina 4.589 millóns de euros para a sanidade pública no vindeiro ano o que supón un incremento do 6,2% dos fondos estruturais

Os orzamentos que presenta o conselleiro de Sanidade no Parlamento amosan o compromiso do Executivo galego coa mellora da sanidade pública ao consolidar a contía que en 2021 veu dada polo fondo covid extraordinario

No apartado dedicado a gasto de persoal, os orzamentos incorporan como estruturais os máis de 115 millóns que o ano pasado eran fondo extraordinario covid, o que posibilita unha dotación de 1.388 novas prazas

Para o vindeiro ano, García Comesaña anuncia a realización de probas para 680 prazas xa convocadas e poderían convocarse outras 1.800

Os orzamentos tamén recollen 350 millóns en investimento sanitario que, entre outras medidas, permitirán avanzar no proxecto da oitava área sanitaria

Os investimentos en atención primaria ascenden a 34,3 millóns, o segundo maior orzamento neste nivel asistencial nos últimos 15 anos

En atención hospitalaria, o presuposto crece un 16,5%, ata chegar aos 241 millóns, coincidente coa fase central de obras hospitalarias en marcha, e incidindo o conselleiro nos investimentos previstos para a totalidade dos hospitais comarcais

Os programas de protección da saúde pública seguen a crecer e chegan ata un investimento de 28,9 millóns, que dedicaranse, entre outros temas, a desenvolver proxectos como o Observatorio galego de saúde pública, destinado a mellorar a vixilancia epidemiolóxica
 

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu hoxe na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia, para informar do presuposto que o Executivo galego destinará á sanidade pública no vindeiro ano. Este orzamento será de 4.589 millóns de euros, que supoñen un incremento do 6,2% dos fondos estruturais, é dicir, 268,7 millóns máis que o ano anterior, amosando, deste xeito, o compromiso do Executivo galego coa mellora da sanidade pública, a consolidar a contía que en 2021 veu dada polo fondo covid extraordinario.
No apartado dedicado a gasto de persoal, os orzamentos incorporan como estruturais os máis de 115 millóns que o ano pasado eran fondo extraordinario covid, o que supón que Sanidade conta con máis dun 6% de incremento estrutural no capítulo de persoal. Este incremento, -dixo o conselleiro-, é especialmente substancial no persoal de atención primaria, onde consolídanse os preto de 40 millóns do fondo extraordinario covid e incorpóranse outros 5,5 máis, o que significa un 9,1% de aumento na dotación estrutural para o persoal de primaria.
Esta nova dotación estrutural en materia de persoal posibilita 1.388 novas prazas, das que seis son do Plan de Hospitalización a Domicilio; 43 para o Plan de Saúde Mental; 109 para atención primaria, das que 28 son para farmacéuticos e 81 de enfermería; e 162 novas prazas de formación.

Tamén posibilita 86 novas prazas de consolidación de persoal que supera os tres anos de vinculación a través do contrato de continuidade, cumprindo asi o compromiso adquirido de que se trataba dunha vía para a estabilización do persoal, neste caso trátase de 20 médicos e 66 enfermeiros. Finalmente, permite 982 prazas de consolidación de traballo temporal destinadas a dotar de emprego estable a máis de 400 facultativos, 300 enfermeiros, 180 auxiliares de enfermería e 90 doutras categorías.
En consecuencia, avanzando na estabilización do persoal e esgotando a taxa de reposición que o Goberno de España seguir a manter limitada o próximo ano, remarcou o titular da carteira sanitaria-.

Medidas para atallar a falta de profesionais

Para o vindeiro ano, García Comesaña anunciou a realización de probas para 680 prazas xa convocadas e poderían convocarse outras 1.800 que restan da oferta de emprego de 2020 e 2021.
Para afrontar o déficit de profesionais que existe no conxunto do Estado, o conselleiro sinalou que o seu departamento creará a categoría de facultativo especialista de atención primaria, que combina atención ordinaria e atención urxente nos PACs.
Outra das medidas para a mellora da atención primaria anunciadas por García Comesaña é a incorporación de novo persoal médico técnico en saúde, permitindo que facultativos titulados que aínda non completaron a súa especialidade, poidan ser contratados polo Sergas para apoiar ao médico de familia na xestión de procesos e elaboración de informes, como pode ser no caso do seguimento das incapacidades temporais.
Estes orzamentos abordan tamén a atención a crónicos con esas novas prazas de hospitalización a domicilio, que se suman ás 33 creadas nos últimos tres anos, ou á saúde mental, coa incorporación, no vindeiro ano, de 43 prazas máis, achegando 1,7 millóns, logo de que entre o ano 2020 e o 2021 se crearan 120 prazas.
Tamén destacou o responsable sanitario o incremento de 10 millóns da partida para o pago da carreira profesional, que supera xa os 100 millóns.
Respecto do orzamento destinado á asistencia sanitaria con medios alleos en atención hospitalaria, a súa contía mantense igual á do ano pasado, e por baixo dos orzamentos de 2009, cumprindo, deste xeito, o mandato do Parlamento de seguir mantendo este gasto por baixo do 5% do total do gasto do Sergas, situándose neste ano no 4,72%.
O que sí aumenta é o financiamento de prazas concertadas en centros de rehabilitación psicosocial, pisos protexidos e unidades residenciais para persoas con trastorno mental, que se incrementa en 1,5 millóns ata chegar aos 8,1 millóns. Tamén destínanse 4,8 millóns a programas para prevención do consumo de drogas e financiar unidades de atención á drogodependencia.


Importante investimento sanitario

Os orzamentos hoxe presentados tamén recollen 350 millóns en investimento sanitario que, entre outras medidas, permitirán avanzar no proxecto da oitava área sanitaria, infraestrutura que posibilita a todos os centros sanitarios do Sergas traballar en rede e recibir apoio a través do uso de big data ou intelixencia artificial tanto en tratamento de pacientes como en mecanismos preditivos.
En atención hospitalaria, o presuposto crece un 16,5%, ata chegar aos 241 millóns, coincidente coa fase central de obras hospitalarias en marcha entre as que o conselleiro citou 35,6 millóns para o Gran Montecelo; 21,8 para o Hospital de Ourense; 14,5 para o C.H. Universitario de Ferrol; 9 millóns para o novo hospital da Coruña; 8,2 para o de Santiago e 3,7 millóns para os hospitais Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Incidiu especialmente o conselleiro nos investimentos para os hospitais comarcais, que acadan 1,3 millóns para Verín; 1,1 para Valdeorras; 770.000 euros para o de Salnés; 700.000 para o de Monforte; 589.000 para o de Barbanza; 367.000 para o de Cee e 238.000 para o da Mariña.
Importantes investimentos hai tamén contemplados para equipamento tecnolóxico. En concreto, 6,4 millóns para equipos de ecografía; 25,6 para os bloques cirúrxicos; e 61,3 millóns para equipamento de diagnóstico por imaxe.
Atención primaria

Os investimentos en atención primaria ascenden a 34,3 millóns, o segundo maior orzamento neste nivel asistencial nos últimos 15 anos, só despois dos do ano pasado. Con eles, concluirase o CIS de Lugo, para o que se destinan 6,2 millóns. Tamén reformaranse os centros de saúde de Arnoia e Ribadavia, por un importe de 500.000 euros; ademais doutros 7,8 millóns para o CIS de Lalín.
Xunto ao anterior, contémplanse 2,3 millóns para o CIS de Vigo, cuxa obra licitarase antes de fin de ano; e 1,5 millóns para o CIS de Ourense, do que se agarda iniciar a obra o vindeiro ano.
Outros 6,9 millóns resérvanse para construción de novos centros de saúde. Así, destínanse 3,7 millóns para iniciar a obra de ampliación do de Porriño; 932.000 para o inicio da obra do de Moaña; 700.000 para iniciar o de Abegondo; 400.000 para iniciar o de Antas de Ulla; e 400.000 para o da Rúa, cuxo proxecto licitarase este ano. O resto destinarase á licitación dos proxectos definidos como prioritarios no Plan de Infraestruturas que hoxe aprobou o Consello da Xunta. En consecuencia, hai 100.000 euros para Vilagarcía de Arousa e Soutomaior, e para licitar calquera outro proxecto dos contemplados no Plan no momento no que se teñan, como é nos casos anteriores, un compromiso firme de cesión da parcela. Tamén hai destinado un millón de euros para financiar a construción do novo centro de saúde de Santa Lucía, na Coruña.
Así mesmo, hai outra cantidade de 4,2 millóns para reformas de centros de saúde, reservándose un millón para o centro de saúde de Conxo en Santiago; 600.000 para o da Milagrosa en Lugo; 400.000 para o de Cedeira; 300.000 para o PAC de Meira; 220.000 para o de Moraña; e 200.000 para o de Acea da Ma en Culleredo.

Protección da Saúde Pública

O conselleiro tamén detallou que os programas de protección da saúde pública seguen a crecer e chegan ata un investimento de 28,9 millóns, que dedicaranse, entre outros temas, a desenvolver proxectos como o Observatorio galego de saúde pública, destinado a mellorar a vixilancia epidemiolóxica, ou ao programa de secuenciación dirixido a virus e á loita contra as resistencias bacterianas aos antibióticos.
Igualmente, crecen os orzamentos destinados para a Axencia galega de Coñecemento en Saúde ata chegar aos 3,7 millóns, o que simboliza unha aposta pola docencia así como pola potenciación da investigación. Tamén a Axencia de Doazón de órganos e sangue incrementa os seus orzamentos ata chegar aos 25,7 millóns. O 061 acada os 71 millóns de euros, e a Fundación de Medicina Xenómica aumenta un 55% o seu presuposto ata chegar aos 7 millóns. Así mesmo, destínanse 1,4 millóns para completar a creación do centro de fabricación de fármacos CAR-T.
 

Imaxes relacionadas