Galicia contará cun investimento de preto de 20 millóns de euros para seguir avanzando no polo de tecnoloxías cuánticas, na biotecnoloxía aplicada á saúde e nas ciencias mariñas

Precisa que a Comunidade participará en tres das catro primeiras áreas de I+D+i lanzadas polo Ministerio de Ciencia, no marco dos plans complementarios coas comunidades ligados ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que Galicia contará cun investimento de preto de 20 millóns de euros para seguir avanzando no polo de tecnoloxías cuánticas, na biotecnoloxía aplicada á saúde e nas ciencias mariñas.

Tras a reunión do Consello da Xunta, Feijóo precisou que a Comunidade participará en tres das catro primeiras áreas de I+D+i lanzadas polo Ministerio de Ciencia, no marco dos plans complementarios coas comunidades ligados ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE; e co obxectivo de fomentar a coordinación das capacidades rexionais en investigación, construír sinerxías territoriais e apoiar proxectos de transformación económica territorial.

Así, no eido das Tecnoloxías Cuánticas, a Comunidade coordinará –a través do Cesga— un proxecto xunto con País Vasco, Cataluña, Madrid, Castela León e o CSIC para avanzar no desenvolvemento desta ferramenta. E para logralo contará con 9,6M€, dos cales 3,4M€ procederán da Administración autonómica.

Unha iniciativa ligada ao Polo de Tecnoloxías Cuánticas que estamos impulsando para situar a Galicia como referente neste eido, dixo, lembrando que recentemente se aprobou no Consello da Xunta un convenio co Cesga por valor de 11,6 M€, aos que se suman os 7M€ financiados por Galicia e o CSIC para implantar o novo supercomputador Finisterrae III.

Así mesmo, cómpre salientar que Galicia aspira tamén a que o Executivo central asigne fondos europeos Next Generation a este polo cuxos avances permitirán acelerar o desenvolvemento económico grazas ás aplicacións destas tecnoloxías en medicina, medio natural, biotecnoloxía, aeronáutica, automoción ou loxística.

Sobre a segunda das áreas clave, o responsable do Executivo autonómico subliñou que a Comunidade participará xunto co País Vasco, Cataluña, Castela-A Mancha e Estremadura nun programa de biotecnoloxía aplicada á saúde, co obxectivo de avanzar en ferramentas de medicina personalizada. Neste caso non se recibirán fondos por parte do Estado.

Deste xeito, Galicia contribuirá como socio estratéxico achegando as capacidades de institucións como a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, os institutos de investigación (Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, Instituto de Investigación Biomédica da Coruña e Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur), o Sergas, a Fundación Kaertor, a Business Factory Medicines (BFMedicines), a plataforma Innopharma, o Grupo Zendal, o hub de innovación dixital DATAlife e o Cesga.
Por último, Galicia contará con 10M€ -4millóns de fondos propios- para traballar xunto con Andalucía, Cantabria, Murcia e a Comunidade Valenciana nunha estratexia conxunta de investigación e innovación en ciencias mariñas para abordar de xeito sustentable os novos desafíos na monitoraxe e observación, a acuicultura e outros sectores da economía azul, potenciando, ademais, o turismo costeiro e mariño.
 

Imaxes relacionadas