Feijóo avanza que o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria contempla 37 novos centros de saúde e a ampliación e reforma doutros 14

Explica que son 51 actuacións divididas en 3 fases que afectan ao 25% da poboación galega

O obxectivo é saber o que temos que facer, centrar esforzos na ordenación asistencial máis urxente, traballar cun horizonte estable e ir solicitando aos concellos as parcelas necesarias

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta, que o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria contempla a posta en marcha de 37 novos centros de saúde e a ampliación e reforma doutros 14.

Logo de explicar que son 51 actuacións divididas en 3 fases que afectan ao 25% da poboación galega –650.000 usuarios-, Feijóo explicou que esta planificación segue criterios técnicos e asistenciais como: a antigüidade dos centros, o seu estado de conservación ou as carencias funcionais e operativas.

Máis polo miúdo, Feijóo detallou que dentro da Fase 0 figuran 10 actuacións que xa comezaron a súa tramitación. Son 9 centros novos- Abegondo, Santa Lucía na Coruña, Antas de Ulla, CIS de Ourense, A Rúa, Moaña, Soutomaior, Vilagarcía e CIS de Vigo- e a reforma do centro de saúde de Conxo en Santiago.

Na fase 1 abórdanse 21 actuacións que teñen a consideración de máis urxentes por necesidades asistenciais. Trátase de 14 novos centros -Noia, Porto do Son, Ribeira, Sagrado Corazón en Lugo, Pantón, Ribadeo, Boborás, O Carballiño, Muíños, Caldas de Reis, o Grove, Poio, CIS de A Guarda e CIS de Cangas- e 7 reformas - Carballo, para a súa conversión en CIS, Cedeira, Culleredo, A Milagrosa en Lugo, Meira, Outeiro de Rei e Moraña-.

Dentro da fase 2 faranse 14 centros novos - Fene, San Xoán en Ferrol; Fisterra, Malpica de Bergantiños, Teo, Becerreá, Guntín, Allariz, Montederramo, Mariñamansa en Ourense, Barro, Meis, Mos e Ponteareas- e 6 reformas - Vimianzo, Foz, Praza de Ferrol en Lugo, Ribas de Sil, Viana do Bolo e O Rosal-. “Son 20 actuacións que iniciaremos na segunda metade da lexislatura”, dixo Feijóo.

O obxectivo desta programación é, segundo o presidente da Xunta, “saber o que temos que facer, centrar esforzos na ordenación asistencial máis urxente, traballar cun horizonte estable e ir solicitando aos concellos as parcelas necesarias”.

Ademais, tamén se pretende homoxeneizar as normas de deseño e construción das infraestruturas, unificar estándares técnicos e harmonizar os criterios arquitectónicos, de equipamento e medioambientais, entre outros.

Tras salientar que este plan suporá a finalización do novo mapa de centros de saúde de Galicia no que estarían “todos novos ou ampliados ou reformados”, Feijóo concluíu que, xunto coa reforma do mapa de hospitais, “nos permitirá ter un novo Servizo Galego de Saúde e un excelente Servizo Galego de Saúde”.

Imaxes relacionadas