A gastronomía das diferentes rutas xacobeas centrará a 22ª edición de Xantar en Ourense

O Centro Superior de Hostelería de Galicia acolleu esta mañá a presentación da feira especializada que terá lugar en Expourense a vindeira semana

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñou que tanto a gastronomía galega como o Camiño de Santiago forman parte “da nosa carta de presentación a viaxeiros e peregrinos”

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2021

A celebración do Xacobeo 21-22 marcará tamén a 22ª edición de Xantar, a Feira Internacional de Turismo Gastronómico que terá lugar en Ourense entre o 3 e o 7 de novembro nunha edición especialmente centrada na “Gastronomía dos Camiños”. Así o destacaba a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no acto de presentación da feira que tivo lugar esta mañá no Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) nun acto no que estivo acompañada polo xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
“Xantar convértese un ano máis nun exemplo de cooperación público-privada e nun exemplo de recuperación dos eventos presenciais”, explicou Nava Castro, quen destacou o peso da gastronomía na estratexia turística galega e a necesidade de seguir avanzando nunha oferta enogastronómica de calidade no conxunto do territorio galego, e tamén nos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago, porque o “Camiño, igual que a nosa gastronomía, forma parte da nosa carta de presentación a viaxeiros e peregrinos”.
Máis de 160 expositores e máis dun cento de experiencias gastronómicas se despregarán en Expourense nun encontro que conta cunha importante representación institucional e no que haberá restaurantes, aulas gastronómicas e diferentes áreas de degustación. Ademais de Turismo de Galicia, a Consellería do Mar acudirá a este certame cun posto de 48 m2 no que difundirá a calidade dos peixes e mariscos galegos coa campaña GALICIA SABE AMAR. Tamén organizará na Aula Mar de Xantar unha decena de degustacións de produtos como o mexillón de Galicia, os peixes e mariscos da pesca artesanal amparados baixo o selo de calidade pescadeRías, produtos ecolóxicos, conservas, pescada do pincho, palometa negra, bonito do norte ou rodaballo.
A Xunta realizará estas catas coa colaboración de distintos chefs e entidades da cadea mar-industria de Galicia. A maiores, o venres 5 de novembro, coincidindo co día que esta feira dedica ao mar, celebraranse dous obradoiros das campañas Ti si que es un bo peixe e Fai clic ao teu bocata para a promoción do consumo de peixes e mariscos e de conservas entre o público infantil.
Pola súa parte, a Consellería do Medio Rural estará presente nesta edición de Xantar cun espazo institucional propio de 36 m² no que se informará aos asistentes sobre os produtos galegos de calidade do agro e que contará tamén cunha exposición deles. Ademais, un total de 14 empresas acompañarán neste evento á Consellería para expoñer e presentar os seus produtos, nun espazo expositivo de 84 m².
O departamento que dirixe José González desenvolverá un amplo programa de actividades con ata 14 obradoiros e degustacións nos que se poderán coñecer e probar produtos galegos con Denominación de Orixe Protexida (DOP) e Indicación Xeográfica Protexida (IXP). Estes talleres serán impartidos por seis diferentes chefs de prestixio.

Imaxes relacionadas