A Xunta financiou a mellora viaria integral de lavadoiro do Ramo e Piñeirón, en Ribadumia, ao abeiro do Plan Marco cun investimento de 36.000€

O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde, David Castro, supervisa esta actuación de ensanchamento e acondicionamento da vía, reposición do firme, construción de muro de contención e recollida de pluviais

O Concello de Ribadumia recibiu máis de 365.000€ da Consellería do Medio Rural no último lustro para o acondicionamento de vías en máis de 15 núcleos rurais para favorecer a mobilidade e os traballos vencellados ao sector primario

Ribadumia, 29 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, financiou a obra que vén de rematar de reforma viaria integral da contorna do Lavadoiro do Ramo e Piñeirón, no Concello de Ribadumia, ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas cun investimento de máis de 36.000 euros.
Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Ribadumia, David Castro, realizou unha visita de supervisión dos traballos realizados, que consistiron no ensanchamento da plataforma, o acondicionamento da vía, a reposición do firme, a construción dun muro de contención para soster a nova superficie da calzada e a dotación da rede de recollida de pluviais.
“É fundamental realizar un apoio constante aos concellos rurais para soster as súas infraestruturas viarias, tal e como facemos todos os anos dende a Xunta, para mellorar a mobilidade das súas aldeas e parroquias e facilitar os labores agrogandeiros que, no caso dun municipio como Ribadumia, cun forte peso no sector da vide e da horta, son fundamentais para a súa economía”, explicou o representante autonómico, que salientou o compromiso da Xunta con estes investimentos, xa que, este mesmo ano, incrementou o Plan Marco para este concello en máis dun 12%.
Deste xeito, o Concello de Ribadumia ten recibido, ao longo do último lustro, máis de 365.000 euros da Consellería do Medio Rural para o acondicionamento das súas vías municipais vencelladas a zonas con peso agrogandeiro a través do citado Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas e do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR).
Con estas achegas, favoreceuse a modernización viaria de ata unha quincena de núcleos rurais, entre os que figuran os de Coutos, Outeiral, Cruceiro Vello, Outeiro, Leromeán, Regueira, Costa ou Amieira, o citado de Lavadoiro do Ramo e Piñeirón ou o que se está a acometer na actualidade na aldea de Puxafeita, entre outros.

Imaxes relacionadas