A conselleira do Mar participou hoxe en Vigo na presentación do libro ‘Contos da beiramar’

Rosa Quintana pon en valor o labor de recollida do patrimonio marítimo realizado polo xornalista Fernando Fernández Domonte

O libro Contos da beiramar é un conxunto de 14 relatos con vivencias cotiáns protagonizadas por xente vencellada co mar, entre eles mariscadoras, mariñeiros, funcionarios ou persoal das confrarías

Vigo, 28 de outubro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe o labor de recollida do patrimonio marítimo inmaterial realizado polo xornalista Fernando Fernández Domonte no libro Contos da beiramar, un conxunto de 14 relatos con vivencias cotiáns protagonizadas por xente vencellada co mar, entre eles mariscadoras, mariñeiros, funcionarios ou persoal das confrarías.

Así o destacou hoxe durante a presentación deste libro da editorial Elvira, onde tamén salientou a experiencia do autor no ámbito marítimo-pesqueiro e a súa participación na elaboración de proxectos, informes e normativa vencellada co mar durante as máis de dúas décadas que traballou na Xunta en departamentos relacionados con este campo. Unha época, subliñou Rosa Quintana, de poñer en pé boa parte da normativa para a organización do sector.

En relación a Contos da beiramar, a conselleira subliñou que recollen a esencia do mar de Galicia, pois son contos “que se gardaban nas tabernas, nos ranchos dos barcos, no abrigo das pedras e nas esquinas das lonxas, que pasaban duns a outros e que sumaban dramatismo, risos ou bágoas segundo quen levara o temón do mesmo”.

Nesta liña, Rosa Quintana expuxo que esta obra é resultado do traballo de gardar e conservar “o patrimonio inmaterial das experiencias da xente do mar, os seus testemuños e as súas visións” e agradeceu ao autor este importante labor.

Imaxes relacionadas