O presidente do Executivo galego visitou esta tarde as instalacións do novo centro de saúde de Bouzas

Feijóo anuncia a aprobación no Consello da Xunta de mañá venres do novo Plan de Infraestruturas de atención primaria

Afirma que con este plan dáse un paso máis cara a un novo ciclo postpandemia, no que a construción dun novo Sistema Galego de Saúde seguirá a ser un dos piares do Goberno autonómico

Salienta que nesta década a Xunta leva investidos 18 millóns de euros na atención primaria da área sanitaria de Vigo

Confirma a próxima construción do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia que, cunha achega de 12 millóns, contará cunha superficie construída de máis de 7.000 metros cadrados e incrementará a carteira de servizos: “Será un dos centros de saúde máis grandes de Galicia”

Destaca que nos orzamentos de 2022 destinaranse preto de 10 millóns para equipamentos e reformas dos hospitais públicos de Vigo
 

Vigo, 28 de outubro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación no Consello da Xunta de mañá venres, 29 de outubro, do novo Plan de infraestruturas de atención primaria, dando un paso máis cara a un novo ciclo postpandemia, no que a construción dun novo Sistema Galego de Saúde seguirá a ser un dos piares da Administración Autonómica.

Durante unha visita ao novo centro de saúde de Bouzas, Feijóo subliñou que as instalacións contan con capacidade para seis médicos, seis profesionais da enfermaría e dúas persoas de servizos xerais, o que permitiría chegar a atender a máis de 8.000 veciños. “E con esta nova infraestrutura xa son sete os novos centros construídos nesta década na área sanitaria de Vigo, aos que se suman outros cinco nos que se teñen levado a cabo actuacións de reformas”, aseverou, resaltando que en total, o Goberno galego leva investido en atención primaria nesta área sanitaria 18 millóns de euros, desde 2009.

“E seguiremos mellorando este servizo”, garantiu, resaltando a próxima construción do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia que, cunha achega de 12 millóns de euros, contará cunha superficie construída de máis de 7.000 metros cadrados. “Estamos a falar dun dos centros de saúde más grandes de Galicia, que unificará a atención sanitaria do barrio das Travesas, ademais de incrementar a carteira de servizos de atención primaria como fisioterapia, odontoloxía e farmacia”, afirmou, recordando tamén que o futuro CIS situarase no antigo edificio dos xulgados da rúa Lalín e asistirá a 42.000 veciños.

Ademais destas infraestruturas, o presidente da Xunta precisou que nos orzamentos de 2022 destinaranse preto de 10 millóns de euros para os hospitais públicos de Vigo: case 4 millóns de euros para as obras de climatización do Hospital Meixoeiro; e máis de 3 millóns para equipamento electrónico do Hospital Álvaro Cunqueiro, ao que se sumarán outros 2,6 millóns para a reforma de varias unidades -área de urxencia, nova unidade de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil e obras nas áreas de necropsias e rehabilitación cardíaca-.

Así mesmo, os presupostos do vindeiro ano contan para a área de Vigo cun investimento de 3,7 millóns de euros para iniciar a obra de ampliación do centro de saúde do Porriño; e cunha achega de case un millón de euros para iniciar a obra de construción do novo centro de saúde de Moaña.

Imaxes relacionadas