Lete Lasa subliña o nivel do bádminton galego na súa visita aos campións e subcampións de España sub 17 e sub 15 no CGTD

Recoñece asemade o gran traballo de Ignacio Fernández, xogador de parabádminton que este ano reside no CGTD xunto a outros dous deportistas con discapacidade, os paracanoistas Elena Naveiro e Nicolás Martínez

Pontevedra, 28 de outubro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo presidente da Federación Galega de Bádminton, Rodrigo Sanjurjo, recibiu na mañá de hoxe no Centro Galego de Tecnificación Deportiva aos rapaces e rapazas que veñen de acadar o campionato de España sub 17 e o subcampionato sub 15 no CESA 2021 celebrado en Huelva. Lete Lasa destacou o “excelente nivel do bádminton galego e o brillante futuro que auguran estes resultados dos nosos deportistas máis novos, unha mostra do excelente traballo que se realiza en Galicia no deporte base”. O mandatario galego tamén lembrou a aposta decidida da Xunta de Galicia por infraestruturas deportivas de calidade como o novo pavillón de bádminton proxectado para o CGTD.

Os sub 17 presentes no encontro co secretario xeral e que adestran no CGTD foron Rodrigo Sanjurjo e Nikol Carulla (CB A Estrada), Sofía Álvarez e Basilio Porto (CB AS Neves), Carlota Martínez (CB San Amaro) e Ana Nóvoa e Martín Iglesias (CP Athlos). Manuel Míguez (CB A Estrada) completou o plantel da selección galega.

No caso dos sub 15, participaron na recepción Alba Prada , Paula Noya e Mateo Rey (CM San Amaro), Iziar Barcala (CB A Estrada), Lia Illan (CB Cíes) e Manuel López (CB Athlos). Adrián Rodríguez e Iker Rodríguez (CB AS Neves) tamén formaron parte da selección subcampioa de España.

Ademais, Lete Lasa subliñou o traballo dos técnicos e adestradores das distintas seleccións como Sara Ezquerro, Rubén Espinosa e Rafael Vázquez (principal adestrador do CGTD), así como o equipo técnico do propio CGTD completado con Manuel Brea (segundo adestrador), Adrián Cid (preparador físico), Iago Roel (psicólogo) e Brais Alves (adestrador de parabádminton).

Precisamente, Lete Lasa destacou o deporte adaptado como unha das liñas de actuación máis importantes que está a desenvolver a Secretaría Xeral para o Deporte como demostra que a delegación galega presente nos Xogos Paralímpicos de Toquio fose a maior da historia con 16 deportistas. Neste sentido recoñeceu o gran traballo de Ignacio Fernández, xogador de parabádminton que este ano reside no CGTD. Cómpre salientar que o centro de tecnificación conta este ano con outros dous deportistas con discapacidade, os paracanoistas Elena Naveiro e Nicolás Martinez, acadando o número máis alto da súa historia.

Imaxes relacionadas