Un total de seis empresas presentan ofertas para a contratación da redacción do proxecto básico e de execución do novo centro de saúde de Abegondo

No proxecto, terá un papel protagonista o uso sustentable da madeira

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2021

Un total de seis empresas veñen de presentar ofertas para a contratación do servizo de redacción do proxecto básico e de execución do novo centro de saúde de Abegondo, co que o Sergas dará resposta ás actuais necesidades asistenciais deste concello.
O proxecto, no que terá un papel protagonista o uso sustentable da madeira, permitirá gañar en funcionalidade e nunha mellor atención e asistencia aos pacientes, dotando ao persoal de mellores instalacións e medios.
Esta nova instalación da rede sanitaria pública galega contará, entre outras dependencias, cunha segunda sala de enfermería separada da de mostras; unha sala de educación maternal; unha de técnicas e unha sala polivalente para poder realizar a cirurxía menor, así como sala de xuntas e biblioteca. En total, actuarase nunha superficie de máis de 1.100 metros cadrados.
Con esta nova instalación sanitaria, a Consellería de Sanidade continúa coa renovación integral da atención primaria e faino de xeito respectuoso co medio ambiente. Ao respecto, a Consellería de Sanidade, a través do Sergas e a Axencia Galega de Industria Forestal, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, teñen un acordo para impulsar o uso sustentable da madeira nas consultas e nas salas de espera dos novos centros de saúde, co obxectivo de favorecer a súa humanización e contribuír a un maior benestar dos usuarios e do persoal sanitario.
A Xunta continúa, pois, na súa aposta pola transformación da atención primaria, como o demostra que, na última década, entre as obras xa rematadas e as que están en marcha, o Executivo galego investiu máis de 120 millóns na mellora das infraestruturas deste nivel asistencial.