A Xunta remata as obras de mellora do centro de saúde de Bertamiráns nas que se investiron máis de 300.000€

O centro de saúde da servizo a 15.571 pacientes, as obras permiten mellorar a eficiencia enerxética do edificio e ofrecer máis comodidade aos usuarios

Trenor lembrou que os orzamentos da Xunta para o 2022 reservan máis de 8,7M€ para a reforma do CHUS e 500.000€ para a reforma do hospital psiquiátrico de Conxo e outra partida dun millón de euros para reformar o centro de saúde de Conxo

 

 

Ames (A Coruña), 28 de outubro de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, visitaron esta mañá o centro de saúde de Bertamiráns para supervisar o resultado das obras de mellora do edificio que consistiron na substitución da cuberta e outras actuacións de mantemento. A Consellería de Sanidade investiu nesta actuación máis de 300.000 euros para dar servizo a 15.671 pacientes.

As obras consistiron en substituír a cuberta e lucernario actuais do centro de saúde co fin de garantir a estanquidade do centro, e abordáronse tamén outras actuacións de mantemento e mellora de pintado interior e exterior do centro, reparación de fachadas, falsos teitos e xanelas, renovación e mellora da iluminación, reparación do pavimento na zona exterior e remodelación da área de recepción e ampliación de acceso, independizando o acceso ao PAC a través da colocación dunha porta corredera e mellora do pavimento.

Ademais, realizáronse actuacións nas instalacións para acomodalas á normativa actual, fundamentalmente substituíndo a iluminación por sistemas de maior eficiencia enerxética. “Estas actuacións melloran a eficiencia enerxética do edificio e permiten ofrecer maior comodidade aos usuarios”, incidiu Trenor.

O representante do Goberno autonómico puxo en valor o investimento da Xunta na sanidade pública do concello de Ames lembrando que, ademais desta reforma, en xaneiro deste mesmo ano comezou a funcionar o novo centro de saúde do Milladoiro tras un investimento de 2,6 millóns de euros. Esa nova infraestrutura conta cunha superficie de máis de 2.100 m2, que quintuplica a do centro de saúde ao que substiuíu."

O representante do Goberno autonómico subliñou que no que respecta á comarca de Santiago a Consellería de Sanidade reserva importantes partidas no ozamento do 2022 para seguir mellorando a calidade asistencial nesta área. Concretamente máis de 8,7 millóns de euros para a reforma do CHUS e 500.000 euros para a reforma do hospital psiquiátrico de Conxo e outra partida dun millón de euros para reformar o centro de saúde de Conxo, entre outras.

O delegado da Xunta destacou que desde o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total, con esta nova actuación, de 91 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre 75.000 metros cadrados. Xunto ás obras que están en marcha, o investimento da Administración autonómica nestes 12 anos suma preto de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

Neste senso, Gonzalo Trenor concluíu afirmando que o Goberno galego seguirá comprometido cunha política útil, que xere benestar e crecemento; e cun sistema sanitario áxil, moderno e eficiente, cunhas infraestruturas máis espazosas, cuns equipamentos de última tecnoloxía e con máis melloras na xestión sanitaria. Sobre este punto, aseverou que “todos estes obxectivos son posibles grazas ao traballo e compromiso dos profesionais do sistema galego de saúde que nestes momentos de maiores dificultades foron o piar básico na loita contra a pandemia”.

Pola súa parte, a xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, tamén destacou o investimento en atención primaria do concello de Ames. Lembrou tamén a aposta polo incremento dos recursos humanos neste municipio: “no Centro de Saúde de Bertarmiráns incorporamos nestes dous últimos anos, dous médicos, dous enfermeiros e 1 administrativo”. Os habitantes de Ames tamén viron mellorada a súa asistencia sanitaria polo incremento da carteira de servizos no propio concello, sen ter que ir a Santiago “pois agora conta con unidades de apoio como é a fisioterapia e a odontoloxía e farmacia no centro de Milladoiro”.

Imaxes relacionadas