A música galega preséntase no Womex do Porto co apoio da Xunta para a promoción dunha decena de empresas e o concerto das Tanxugueiras

A delegación galega protagonizará mañá un encontro promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para favorecer o networking con axentes musicais de todo o mundo

O trío de cantareiras foi seleccionado pola organización para actuar no Lusofónica Stage, instalado no Teatro Nacional São João, onde presentará o seu novo espectáculo na noite do venres

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2021

Unha decena de empresas integran a delegación galega en Womex, a Worldwide Music Expo que se está a desenvolver desde onte na cidade portuguesa do Porto, recuperando así a súa celebración presencial tras a edición en liña do ano pasado. A Xunta apoia a presenza da nosa música neste multitudinario encontro internacional coa organización dun encontro coas promotoras galegas acreditadas, así como a través da colaboración coas Tanxugueiras para o concerto que ofrecerán dentro do programa oficial.

A primeira destas citas terá lugar mañá venres, ás 16,00 h. (hora local), no Noble Hall do Centro de Congressos Alfândega do Porto, que aloxa o recinto feiral desta 27ª edición de Womex. A delegación galega será anfitrioa desta sesión, impulsada pola Xunta de Galicia para facilitarlles o networking con axentes musicais desprazados ata O Porto desde máis de 80 países.

Presentación de temas inéditos

Esa mesma noite, a música galega soará no Lusofónica Stage, instalado no histórico Teatro Nacional São João, da man das Tanxugueiras, que foron seleccionadas pola organización da feira para este escenario dedicado á lusofonía. Nel, o trío galego presentará o seu novo espectáculo, que inclúe temas como os populares Midas ou Figa, algunhas das súas pezas máis coñecidas, como O querer, e outras cancións aínda inéditas como adianto do seu terceiro disco, que verá a luz no primeiro semestre de 2022.

Considerado o maior acontecemento internacional para a difusión da música tradicional e de raíz de todo o mundo, Womex regresa este ano ao seu formato presencial itinerante, reunindo no Porto máis de 2500 profesionais arredor dun amplo programa de concertos en sete escenarios, conferencias, proxeccións, encontros e reunións, ademais da actividade feiral desenvolvida por 700 compañías expositoras. Entre os últimos destinos deste evento, atópanse Tampere (Finlandia) en 2019, As Palmas de Gran Canaria en 2018, Katowice (Polonia) en 2017 e as dúas entregas celebradas en Santiago de Compostela en 2016 e en 2014, para as que a organización contou tamén coa colaboración da Xunta.

Axudas para a asistencia a mercados

Ademais, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade contribúe economicamente á presenza das empresas galegas nesta e noutras feiras internacionais do sector a través das subvencións ás actividades de distribución nas industrias culturais. A convocatoria deste ano, resolta o pasado mes de xullo, supuxo a adxudicación de 460.000 euros en axudas para levar a cabo máis de 500 concertos, funcións escénicas e accións de difusión en mercados profesionais en nove países e no resto de España.

Este é tamén o caso de BIME PRO, outra das grandes citas da industria musical a nivel internacional, que se celebra estes días en Bilbao coa asistencia de varias promotoras galegas. En canto á representación artística, o acordo da Xunta coa organización do Bizcaia International Music Experience garantiu a presenza galega no cartel de Bime City, que seleccionou para tal fin a Allova e Xisco Feijoó, aos que tamén se lles sumou Sés.

Os tres actuaron onte en diferentes salas da capital biscaíña no marco desta iniciativa, que lle dá voz ao talento emerxente coincidindo coas primeiras xornadas da novena edición do encontro profesional.